A RAG dedícalle ao mar a súa X Xornada de Onomástica

O encontro desenvólvese este 4 de outubro no Museo de Pontevedra

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle este sábado 4 de outubro a décima xeira da Xornada de Onomástica Galega. A Real Academia Galega organiza este encontro, dedicado nesta ocasión aos nomes do mar, un patrimonio que a entidade advirte que está en risco de se perder por mor da desaparición dos usos tradicionais neste ámbito.

A académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez coordinan o programa, que arrincará cunha intervención de María Ángeles Piñeiro Antelo sobre a cartografía histórica como instrumento para o estudo da variación dos nomes do noso litoral ao longo do tempo. Seguiralle Helena Domínguez a tratar as particularidades e as necesidades do traballo de campo para o rexistro dos talasónimos da costa galega.

Sobre as marcas que empregan os mariñeiros para se orientar na costa falará José Benito Rodríguez Álvarez, en particular encol das creadas polos vellos mariñeiros da Guarda. Canda a el, Xosé Lois Vilar Pedreira, director da Sección de Arqueoloxía e Historia do Instituto de Estudos Miñoráns explicará as estratexias que se poden empregar para a difusión deste patrimonio.

Na tarde, a noiesa Lucía López Lires e mais o cangués Aarón Otero Ferrari abordarán os nomes dos barcos e das bateas nas Rías Baixas. O tema será tamén o eixe da presentación de Xosé Manuel Dopazo Entenza, que dará a coñecer unha unidade didáctica para a análise deste patrimonio dirixida ao alumnado da ESO.

Unha actuación de Xurxo Souto titulada A ruta de Ulises Fingal, pseudónimo de Urbano Lugrís, no que repasará nomes do mar da costa cantábrica ata A Coruña. A entrada ao programa, que se poderá seguir na canle de Youtube da RAG, é libre.