A Real Academia Galega de Ciencias outorga as súas Medallas de Investigación

Cinco investigadoras e investigadores das Universidades da Coruña e Vigo reciben estas distincións

Cinco investigadoras e investigadores das Universidades da Coruña e Vigo reciben estas distincións
Persoas galardoadas coas medallas. Fonte: Real Academia Galega de Ciencias
As Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias foron neste 2025 para cinco científicas e científicos das universidades da Coruña e Vigo. Francisco J. Blanco, Laura Carballo, Juan Mª Pou, Nieves Rodríguez e Mª Carmen Veiga foron recoñecidas cos galardóns, que se entregan o vindeiro 8 de outubro en Santiago no marco do Día da Ciencia en Galicia. Segundo lembra a entidade, esta distinción "valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas".

No caso de Francisco J. Blanco García, a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde recoñece o seu traballo no uso da intelixencia artificial para personalizar o diagnóstico e o tratamento das doenzas reumáticas. Laura Carballo recollerá a medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, referente no campo do Dereito laboral marítimo internacional. Na súa actividade desenvolveu diferentes proxectos orientados a mellorar a seguridade e a calidade do emprego no mar.

Juan María Pou Saracho, catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, recibe a medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas. O seu labor sobre as aplicacións dos láseres en industria, saúde e sustentabilidade, con proxectos para valorizar residuos na industria alimentaria ou o reciclado de vidro, entre moitos outros, valeulle o recoñecemento.

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, recaeu na catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña Nieves Rodríguez Brisaboa. Especializada en algoritmos e estruturas de datos compactas para o procesamento de grandes volumes de datos e na investigación en Sistemas de Información Xeográfica, foi responsable de proxectos como o SIX da Deputación da Coruña, a Biblioteca Virtual Galega, a Viaxe Virtual por Galicia, a Hemeroteca Virtual da RAG, a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos ou o sistema de administración electrónica para o IGVS.

Finalmente, Mª Carmen Veiga Barbazán, catedrática de Enxeñaría Química da Universidade da Coruña, recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía. O recoñecemento valorou a súa experiencia en biotecnoloxía ambiental, en particular no tratamento de augas residuais, a valorización de residuos sólidos e a depuración de efluentes gasosos mediante procesos biotecnolóxicos sostibles.