O Meadows Museum de Dallas exporá 70 obras mestras da catedral de Santiago

A Igrexa compostelá e a entidade norteamericana subscriben un convenio de colaboración

A Igrexa compostelá e a entidade norteamericana subscriben un convenio de colaboración
Foto da sinatura do acordo
O Meadows Museum de Dallas é a institución estadounidense cunha máis ampla colección de arte español, con pezas que van desde o século X ata a actualidade. Onte os seus directivos e padroeiros subscribiron coa Fundación Catedral de Santiago un convenio para a exhibición en Dallas de 70 pezas do legado histórico da catedral, entre obxectos arqueolóxicos, obras de arte, manuscritos e documentos. Entre elas, algunhas das pezas máis destacadas do Museo catedralicio, coma o san Mateo, os cabalos dos Reis Magos, o tímpano da Adoración dos Reis Magos ou o relicario de Santiago Alfeo. A selección foi coordinada por Amanda W. Dotseth, directora do museo Meadows e Ramón Yzquierdo, director técnico do museo da catedral. A exposición incluirá tamén a edición dun libro, un simposio internacional e outras accións de difusión co obxectivo, segundo a catedral de Santiago, de "achegar ao público estadounidense este grupo de obras mestras e ilustrar a importancia da catedral de Santiago como destino final do Camiño de Santiago".