A Fundación Daniel e Nina Carasso apoia un proxecto galego na convocatoria Componer Saberes

A proposta Mariscando conCiencias para el Futuro é unha das 9 propostas seleccionadas entre 153 aspirantes

25/9/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: artepatrimoniociencia
68 lecturas | Compartido 0 veces

Imaxe de presentación de Mariscando conCiencias para o Futuro

O proxecto Mariscando conCiencias para o Futuro, que combina ciencia, patrimonio inmaterial e arte foi unha das nove iniciativas seleccionadas pola Fundación Daniel e Nina Carasso dentro da súa convocatoria bianual Componer Saberes. A proposta galega céntrase no traballo do marisqueo a pé, e foi unha das escolleita entre os 153 proxectos que se presentaron á liña de axudas.

A Cooperativa Cidadanía coordina este proxecto que reúne mariscadoras a pé, persoal investigador, artistas locais e Concello de Redondela, coa colaboración de AMARTURMAR, o Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, a asociación Sinha Paca-Artelixo. No mesmo, a intención é pór en común "narrativas e accións que extraian aprendizaxes do pasado".

Canda a isto, "analizaremos e concienciarémonos xunto co tecido comunitario sobre os desafíos presentes provocados polo cambio climático, e proxectaremos olladas cara ao futuro sobre o marisqueo a pé, unha profesión artesanal, feminizada e eminentemente galega que forma parte da identidade de moitas zonas costeiras", explica a presentación da iniciativa. Deste xeito, "artistas, mariscadoras e científicas intercambiarán saberes técnicos e populares para imaxinar futuros sostibles no sector da pesca costeira artesanal en Galicia".

A enseada de San Simón, na Ría de Vigo, acollerá a iniciativa entre 2025 e 2026, co reto de imaxinar como adaptar un sector produtivo aos cambios medioambientais. Os nove proxectos seleccionados nesta convocatoria repartirán os 600.000 euros con que está dotada esta convocatoria.


Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ciencia, Identidade, Vigo, Concello de Redondela...