Escoitar a Rosalía

A poeta de Padrón conta con Negra sombra como o tema máis gravado da música galega

A poeta de Padrón conta con <i>Negra sombra</i> como o tema máis gravado da música galega
A adaptación musical do poema Negra Sombra de Rosalía de Castro realizada por Xoán Montes é a canción máis versionada e gravada da música galega. Canda a ela, as adaptacións da poeta de Padrón mantéñense no cumio dos temas máis gravados na nosa historia musical. Un estudo de Xaime Estévez pon de relevo a importancia desta obra literaria nos máis diversos xéneros do noso panorama sonoro.

Xaime Estévez leva anos a investigar a música galega desde diferentes ámbitos. A súa monumental obra As gravacións da música Galega (1975-2000) é un referente á hora de coñecermos os rexistros sonoros realizados por artistas do noso país. Neste 2025, o autor achegou un artigo ao número 9 da revista Follas Novas da Fundación Rosalía de Castro no que analiza de xeito específico os álbums gravados con poemas desta autora. No mesmo evidencia o peso que a poeta ten para a nosa cultura alén do ámbito estritamente literario, e salienta a vixencia do seu traballo na actualidade. "A miña tese de doutoramento abordaba as gravacións da música galega, cun dos capítulos dedicado especificamente á relación entre literatura e música. Entón xa tiña toda a listaxe da discografía dedicada a ela", explica o autor. A partir deste material, "hai pouco que me convidaron a dar cunha conferencia sobre isto", evento no que un encontro con Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, propiciou o artigo Rosalía de Castro na discografía. Vinte e cinco monográficos.

A autora máis adaptada das letras galegas
O texto achega un repaso enciclopédico pola produción gravada no noso país a partir de creación da poeta, que Estévez non dubida en sinalar como "a máis adaptada" da nosa cultura. "Ten unha chea de referencias musicais e discográficas. Gaña por goleada ao seguinte máis musicado, que é Celso Emilio Ferreiro, que só debe ter a cuarta parte" de rexistros. E é que, para alén dos vinte e cinco álbums que recolle este último artigo, este investigador advirte que existen moitas outras gravacións de textos da autora. "Se incluímos obras que aparecen por separado noutros álbums temos que multiplicar moitísimo" a súa presenza na produción discográfica, tanto galega como foránea. "Se miras nos rexistros da Biblioteca Nacional aparecen máis de cincocentas referencias que a inclúen". Deste xeito, "Negra Sombra é a obra máis gravada da música galega, mesmo por riba do himno. É a que conta con máis versións, e a miúdo grávase só a versión instrumental. Pero mesmo sen ela, Rosalía é a máis adaptada a música. Esta peza en concreto ten un éxito espectacular, cando a escoitas pensas sempre nas letras. É unha peza que se popularizou mundialmente, ata o italiano Al Bano gravou unha versión", lembra.

Os motivos do do éxito
Encol das razóns que xustifican este éxito musical da autora, o investigador sinala que "seguramente haberá máis dunha razón. Por unha banda é unha referencia absoluta na cultura desde hai anos. Nos últimos tempos colleu valor a súa simboloxía feminina. Vese como unha muller loitadora nunha época na que isto se consideraba raro". Canda a isto, "toda a súa poesía versa sobre Galicia e recolle sentimentos que identifican moi ben o noso pobo e a súa idiosincrasia" apunta Estévez. "Pode ser tamén polos temas transcendentais que trata. En xeral é un símbolo literario e cultural do máximo nivel que a musica recolle de xeito absoluto".

Unha constante na produción musical
Unha mostra da potencia que posúe Rosalía de Castro de cara ao mundo da música galega é que o interese por adaptar as súas creacións non decaeu co tempo. "Son unha constante. Negra sombra está a se actualizar constantemente. No Prestige púñase por todas partes" a simbolizar a marea negra, "mesmo Astarot fixo unha versión", explica o investigador. "Colles a calquera autor con certa traxectoria e Rosalía aparece case seguro. Todos os xéneros musicais impulsaron a súa obra e ningún tipo de música rexeitou a idea de adaptar os seus versos", asegura Estévez. "O último álbum que teño rexistrado saíu en 2021, e seguramente xa apareceu algún novo desde aquela. As referencias e a consideración de Rosalía como parte da creación musical no país non para". Para alén destas propostas, Estévez salienta que "existen varios grupos non galegos que gravaron álbums monográficos de Rosalía. Chama a atención alén das nosas fronteiras a grupos que queren facer poesía e música, como Lía Pamina e os Peregrinos ou Evoéh, que publicou o álbum Árbore da vida en 2019. É un símbolo que transcende as fronteiras galegas a nivel discográfico".

Primeiras propostas e recitados
A gravación de versións musicadas de versos da autora comezou ben cedo na nosa historia discográfica, cun primeiro rexistro xa en 1928 da man dos Gaiteiros de Soutelo que gravaron a Alborada de Rosalía de Castro. Pero houbo que agardar á década de 1960 para que comezasen a aparecer discos monográficos dedicados á súa obra, co lanzamento de Poesías de Rosalía de Castro, dous volumes nos que Pilar Pereira recita poemas da autora co único acompañamento sonoro dunhas campás en Campanas de Bastavales. A tradición de discos de recitados continuou ao longo dos anos. "Nos primeiros tempos había máis, existen propostas moi interesantes que non tiveron moita sona". Tamén en 1997 se reuniron, a recitar no álbum Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas "nomes como Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg, Xela Arias ou Ana Romaní", lembra.

A revolución de Amancio Prada
Non entanto, a grande revolución das adaptacións musicais da autora chegaría en 1975 coa presentación de Rosalía de Castro de Amancio Prada. As cancións do cantautor berciano acadaron unha popularidade inédita e convertéronse en referentes para futuras versións, ademais de marcar en boa medida o xeito no que se os versos da poeta chegaron á sociedade galega da época. "Foi o primeiro en facer un LP monográfico sobre ela. Temas como Adios ríos, adios fontes ou Campanas de Bastavales foron auténticos hits que marcaron un antes e un despois". Deste xeito "hai que lle recoñecer ser o impulsor do primeiro disco monográfico dedicado a ela, ninguén pensara en o facer antes. Esa primeira incursión foille tan ben que logo fixo varios álbums máis a retomar a idea, en ocasións acompañado por unha Orquestra Sinfónica", a facer da poesía de Rosalía unha constante en toda a súa carreira. "As cancións de Prada tiveron moita difusión e popularizáronse moito. Eu vivino en primeira persoa como adolescente que era nos anos 80", lembra Estévez.

Un festival de estilos
O interese mantido por musicar o traballo de Rosalía ao longo dos anos deu pé a que os seus textos se fosen adaptando aos diferentes xéneros musicais en voga en cada momento. "Con Rosalía poderíanse facer moitos concertos diferentes. Ou mesmo daría para fazer un festival só de grupos a interpretar a Rosalía, sen cinguilo a un xénero concreto e adaptado a calquera idade e gusto". Deste xeito, "hai exemplos de música de cámara ou voz con piano nun formato clásico", con exemplos temperáns como Versos escogidos, que recollía en 1974 catro temas musicados por Nemesio García Carril e interpretados pola Orquestra de Radio Nacional de España canda á soprano Maruxa Villanueva. "Pero tamén temos jazz, propostas de cantautores como Amancio Prada, música infantil como o Rosalía Pequeniña de Uxía, música medieval ou antiga, da man de Resonet, ou outras propostas como as que fai Najla Shami" repasa este investigador. "Vale para todo, mesmo para o rap, que aínda non conta cun monográfico pero ten adaptacións como as que fixo Aid". Tamén hai propostas desde o folk, como as que realizou Emilio Cao quen, non entanto, non chegou a publicar un álbum exclusivo con letras da poeta, ou no ámbito da música coral, como o disco que gravou o Coro Universitario de Santiago en 1985 e viu a luz na Fonoteca 92 de El Correo Gallego. No campo dos cantautores, Estévez salienta que "dado que Amancio Prada se reivindica como berciano, o primeiro cantautor galego que fixo un disco dedicado integramente a Rosalía foi Tino Baz, con Se cantan es ti que cantas, aínda en 2019".

A potencia musical
Segundo salienta Estévez encol das gravacións que compilou, "como pedagogo que son, interésame en particular a forza educativa que poden ter estas adaptacións. A conexión entre literatura e música destas pezas é unha mina que podemos aproveitar de diferentes maneiras, empregalas, recrealas e desfrutalas esteticamente, segundo o que lle toque e queira cada persoa. Con esta publicación quixen pór en evidencia que ese material está aí e que podemos comezar a amosalo, traballalo e aplicalo nos ámbitos que nos corresponda, na educación pero tamén na difusión e o desfrute da nosa cultura". Ao seu ver "este material é unha mina, unha fonte de coñecemento que permite relacionar e afondar en dúas disciplinas culturais importantísimas. Podes desfrutar da poesía en si, pero se ademais tes múltiplas versións musicais como é o caso de Adios ríos, adios fontes, podes pasear pola música e darlle unha dimensión totalmente enriquecedora a esa obra", conclúe.

A destacar algúns dos álbums deses 25 que lista no seu artigo, este investigador salienta
"algúns que me parece que son curiosos, transcenderon ou aos que se lles pode tirar mais xugo, non por ser mellores do que outros".

Rosalía de Castro. Amancio Prada
Rosalía de Castro. Amancio Prada
Rosalía de Castro. Amancio Prada

"Nunca podería prescindir do diso de Amancio Prada. É o primeiro monográfico e moitas das cancións que hai aí populalizáronse dun xeito enorme, o que non resulta sinxelo".

Rosalía cantada
Rosalía cantada
Rosalía cantada

"Rosalía Cantada, de 2021 é un exemplo de como se aborda a autora desde a música de cámara", a cargo do barítono Eliseu Mera e do piano de Cándido Cabaleiro.

Se cantan es ti que cantas
Se cantan es ti que cantas
Se cantan es ti que cantas

"Como primeiro monográfico dun cantautor galego, non pode faltar o de Tino Baz", unha proposta que chegou en 2019

Rosalía e Árbore da vida
Rosalía de O val das mouras
Rosalía de O val das mouras

Árbore da vida
Árbore da vida

Salientaría tamén os que saíron de grupos de fóra de Galicia, como o LP de O Val das Mouras, (2015) ou o de Evoéh (2019), parecémente que, para alén do valor que lles dá ser de fóra, posúen tamén valor en si mesmos e achegan unha perspectiva diferente" do traballo da autora. Nos dous casos, a aposta chega desde as coordenadas das músicas de raíz.

Rosalía pequeniña
Rosalía pequeniña, de Uxía
Rosalía pequeniña, de Uxía

"Un achegamento moi curioso é o que realiza Uxía en Rosalía Pequeniña", un libro-CD con ilustracións de Marina Seoane que se centra na propia infancia da poeta.

Rosalía 21
Rosalía 21
Rosalía 21

"No ámbito do jazz Rosalía 21 con Anxo Angueira e Abe Rábade", publicado en 2008 "é tamén moi interesante", sinala Estévez..

Rosalía de Castro. Cantares galegos
Rosalía de Castro. Cantares galegos
Rosalía de Castro. Cantares galegos

Para este investigador "o traballo que fixo Resonet en 2007 resulta unha achega moi orixinal ao se tratar dun grupo dedicado á música medieval".