Un proxecto documenta o forte das Torres en Tomiño

A intervención acompáñase cun programa de conferencias e actividades

A intervención acompáñase cun programa de conferencias e actividades
O proxecto 'Fortalezas da fronteira' inicia hoxe os traballos de investigación no baluarte de As Torres (Tomiño), unha fortaleza temporal construída no século XVII durante o conflito bélico que enfrontou a Portugal con España na Guerra de Restauración e que tivo en Galicia unha das súas fronteiras. O proxecto arqueolóxico está dirixido pola arqueóloga especializada en conflitos da Idade Moderna Rebeca Blanco-Rotea, a partir dun xacemento descuberto polo xornalista Xurxo Salgado. A campaña arqueolóxica comeza hoxe e durará quince días, co obxectivo de facer "escavación arqueolóxica na batería, unha prospección do seu entorno e unha limpeza do espazo". O baluarte das Torres atópase ao carón dunha gran explotación aurífera romana. O proxecto está promovido pola comunidade de montes de Taborda, a Consellería de Cultura, o grupo de Novos Medios da USC e o grupo IN2PAST da Universidade de Braga entre outros. Xunto cos traballos arqueolóxicos, deseñouse un programa complementario de actividades que inclúen 'barferencias' en distintos locais do concello. Entre os ponentes participan Rebeca Blanco-Rotea sobre "guerra e paisaxe no Baixo Miño no século XVII", Manuel Gago sobre a imaxe de Galicia na cartografía medieval e moderna, Manuel Ángel "Peque" Pombal, sobre ecosistemas e especies ameazadas no Baixo Miño, Carlos Tejerizo sobre "campesiñado, guerrilleiros e lumes", proxeccións de documentais ou Xurxo Ayán sobre "arqueoloxía dos puticlubs en Galicia".

Programación de conferencias