As illas de San Simón e San Antón xa gozan da protección como Lugares da Memoria

O Goberno do Estado declarará tamén Ferrol como Cidade da Memoria Democrática

O Goberno do Estado declarará tamén Ferrol como Cidade da Memoria Democrática
Tal e como onte anunciou o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publica hoxe a incoación do expediente de declaración como Lugar de Memoria Democrática das illas de San Simón e San Antón, en Redondela, na Ría de Vigo. Un día despois de facer o mesmo co Pazo de Meirás. Estas illas, unidas por unha ponte e nas que no medievo houbo un mosteiro templario, foron un espazo utilizado polos golpistas sublevados contra a IIª República como penal durante a Guerra Civil de España e os primeiros anos da ditadura franquista. Entre outubro de 1936 e ata o seu desmantelamento contabilizáronse máis de 517 mortes nestes pequenos illotes. Como establece o articulado da Lei de Memoria Democrática, a declaración dun Lugar de Memoria Democrática supón a obriga de garantir a súa perdurabilidade, identificación, explicación e sinalización adecuada dos elementos e feitos acaecidos nel relacionados cos episodios que levan á declaración, así como asegurar a memoria das vítimas. O espazo recibirá hoxe a visita do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, que onte estivo en Meirás, onde avanzou ante os medios a intención do Goberno de levar acabo o procedemento para declarar tamén a cidade de Ferrol como Cidade da Memoria Democrática.

O penal de San Simón, ao que só se podía acceder en barco, foi desde 1936 usado como colonia penitenciaria na que os sublevados recluíron a republicanos de toda Galicia inicialmente, e posteriormente, de outros lugares da xeografía española, especialmente desde Asturias. O penal, onde se amontoaban os presos, mantivo a súa actividade ata o 15 de marzo de 1943. Por alí pasaron máis de 5.600 persoas recluídas. A finais de xaneiro de 1943, apenas dous meses antes de que fose clausurado, ingresou o recluso que facía o número 5.616. Desde febreiro de 1939, a súa clausura foi a etapa máis funesta deste espazo, coa chegada masiva de presos de idades moi avanzadas procedentes de toda a xeografía española. No vindeiro Festival Internacional de Cinema de San Sebastián estrearase a longametraxe 'San Simón' de Miguel A. Delgado, no que narra a historia deste campo de concentración. O documental 'Aillados' (2001) de Antonio Caeiro tamén trataba esta historia, foi co cambio de século que este capítulo escuro da illa comezou a coñecerse con máis detalle e a ser investigado e difundido.