O filme 'San Simón' estrearase no Festival de San Sebastián

A película recolle o destino das persoas que foron apresadas na illa durante a ditadura

A película recolle o destino das persoas que foron apresadas na illa durante a ditadura
Fotograma do filme
A sección 'Made in Spain' do Festival Internacional de Cinema de San Sebastián acollerá a estrea da longametraxe 'San Simón' de Miguel A. Delgado o vindeiro mes de setembro. ' San Simón' narra a historia deste campo de concentración que se fundou na pequena illa galega desde os primeiros días da sublevación militar que non deixa de ser unha metáfora do que pretendía crear o fascismo: unha inmensa prisión. Case seis mil persoas de toda España pasaron por ela durante os sete anos que estivo en funcionamento. Era un proxecto totalizador cuxo obxectivo buscaba -literalmente- encerrar a un pobo nunha illa.

A historia sitúase en outubro de 1936. O réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por toda España: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos «pechados». San Simón destaca pola súa insularidade. O réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. Sete anos despois, Lamas, un preso da illa, lembra a historia dos homes e as mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega.


"No transcurso dun proxecto sobre illas cárcere para unha exposición en Tabacalera de Madrid, coñecín os diarios, cartas e memorias dos presos da illa de San Simón. Foi así como souben que fora un dos campos de concentración franquistas máis singulares”, afirma Miguel A. Delgado, director do filme. Deste xeito naceu San Simón, iniciando un proceso de 4 anos de investigación sobre a historia que rodea a illa. A historia foi obxecto dunha busca levada a cabo, en gran medida, grazas aos traballos previos de investigadores como Antonio Caeiro, Gonzalo Amoedo e o equipo do grupo de investigación Histagra da USC, que colaborou no conxunto do proxecto. A película rodouse na localización orixinal onde tiveron lugar os acontecementos na illa: os edificios, os peiraos, a ponte de pedra que une ambos os illotes, a chaira da illa, os areais que a rodean. Para filmar os interiores a produción tivo que trasladarse a localizacións fóra da illa como a ETEA de Vigo, o Convento de Santa Clara de Pontevedra ou A Cova da Moura no concello de Cenlle.

Familiares dos presos da illa

O elenco de San Simón mestura actores e actrices profesionais con actores e actrices sen experiencia previa. Entre eles están Flako Estévez, Alexandro Bouzó, Guillermo Queiro, Ana Fontenla, Mª del Carmen Jorge, Manuel F. Landeiro, Lucía Amarelle, Javier Varela, Tatán, Darío Fernández ou Andrés Giráldez. Entre os membros do equipo artístico e técnico destaca a participación de fillos e netos dos presos de San Simón. No equipo técnico, Miguel A. Delgado (guionista e director), Andrea Vázquez (produción executiva), Aleix Castellón e Analía G. Alonso (directores de produción), Lucía C. Pan (directora de fotografía), Inés Rodríguez (directora de arte), Uxia Vaello (deseño de vestiario) e Daniel Fernández (son directo).

San Simón está producida por San Simón la película AIE, Miramemira, Morelli Producciones en coprodución con Bando à Parte (Portugal). Conta coa financiación do ICAA, a subvención da AGADIC; a participación de: RTVE, Televisión de Galicia, RTP, Castilla-la Mancha Media, Deputación de Pontevedra; e coa colaboración da USC Universidade de Santiago de Compostela - HISTAGRA e a Asociación O Faiado da Memoria. Distribúen Baños Films e Linde Films.