O Álbum de Galicia inclúe aos poetas Faustino Rey e Baldomero Isorna

Débeselles o inicio das representacións do desembarco viquingo de Catoira en 1962

Débeselles o inicio das representacións do desembarco viquingo de Catoira en 1962
Rey Romero e Isorna Casal, os dous presidentes fundadores do Ateneo do Ullán. Foto Pasarín, primeiros anos da década de 1960. Fonte:Arquivo da familia de Baldomero Isorna Casal.
Dende hoxe o Álbum de Galicia, a colección en liña de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora as entradas do sacerdote Faustino Rey Romero (Rianxo, 1921 – Bos Aires, 1971) e do xurista Baldomero Isorna Casal (Catoira, 1916 – Madrid, 1986). Ambos foron poetas e activistas culturais que participaron na posta en marcha da Romaría Viquinga de Catoira e na fundación do Ateneo do Ullán, ademais de publicar poesía, artigos de prensa e participar na vida intelectual e cultural do país. Malia que ámbolos dous autores tiveron experiencias vitais moi distintas, compartían o seu compromiso pola terra e o seu amor ás letras e á expresión cultural. Xosé Ramón Fandiño é o autor da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.

En 1961, os dous autores xunto con outros homes de letras no Ulla, decidiron crear o Ateneo do Ullán, que tiña a Rey Romero como director. Ao ano seguinte os membros de dita asociación representaron o desembarco do rei viquingo "Ulfo o galego" nas Torres do Oeste, co propio Rey Romero no papel de bispo Cresconio, seguido dun xantar; unha representación que se comezou a repetir os anos seguintes e que deu lugar á Romaría Viquinga de Catoira. Actualmente Festa de Interese Turístico Internacional desde o ano 2002 e quer reúne a milleiros de persoas na localidade pontevedresa. Ambos poetas recibiron numerosas homenaxes ao longo da súa vida da man de diversas institucións e recibiron unha medalla de ouro a título póstumo polo Concello de Catoira.