Catoira fai arqueoloxía teatral vikinga

O Concello recupera unha montaxe dinamarquesa de 1993 para o seu célebre desembarco

Cunha Romaría Vikinga marcada, por segundo ano consecutivo, pola pandemia de Covid, o Concello de Catoira non abandona o apartado escénico desta celebración. Neste 2021 faino dun xeito moi especial, a recuperar a primeira das obras que se levou a escena no marco desta celebración. El-Rei Snie é o título desta produción, que se puido ver por vez primeira en 1993 na festa.

A obra aborda a historia do vikingo Rei Snie e a súa loita por recuperar á súa amada Frig, a quen seu pai enviou lonxe para unha voda política. En paralelo, o trobador amigo do Rei, Skalda, desenvolve a súa propia estratexia para que Frig se reúna co seu amado. Na súa primeira representación, a obra chegou a escena en Catoira da man do grupo de teatro dos Vikingespil ou xogos vikingos que se celebran na localidade de Frederikssund, irmandada con Catoira. Naquel momento incorporáronse audios en galego á montaxe, así como actuacións dun grupo folclórico local a adaptar a propostas orixinal. Este colectivo dinamarqués desenvolve desde hai anos representación de tema vikingo con ocasión do evento e participou en diferentes ocasións das actividades da romaría galega, declarada Festa de Interese Turístico Internacional.


Gravación de El-Rei Snie en Catoira, publicada no Youtube de José M. Navia. (Se ben a gravación pon a data de 1992 o web do grupo Vikingespil data en 1993 a montaxe).

O rescate desta obra non foi sinxelo, xa que o Concello, promotor da iniciativa, non conservaba o texto daquela montaxe, e foi necesario recuperalo dunha antiga gravación de vídeo en VHS que se dixitalizou. Desde a mesma realizouse a transcrición dos diálogos e reconstruíronse as indicacións escénicas para a nova montaxe, que se presenta como unha adaptación e que conta con intérpretes de Catoira e de localidades veciñas. En total a Escola Municipal montou a produción en só dous meses. Logo da estrea da montaxe, que se realizou este martes 27 de xullo, a obra pode verse na contorna das Torres de Oeste os días 28 e 29 e cómpre reservar praza no web do Concello.

Desde aquela estrea pioneira, fóronse sucedendo propostas escénicas vencelladas á festa coa participación da veciñanza. Esta tradición que deu pé ao desenvolvemento da Escola Úrsula Municipal de Teatro, responsable desde hai anos de achegar os equipos para desenvolver estas funcións, que chegan a reunir a un centro de actores e actrices, na súa maior parte persoas afeccionadas. Hai xa anos que os textos que se levan a escena con ocasión da romaría saen dun certame bienal no que colabora a Universidade de Santiago.

No entanto, a última edición desta convocatoria non se celebrou, o que provocou que tanto na edición de 2020 como nesta de 2021 non houbese un texto específico para a festa. Deste xeito, no pasado ano, a Escola Municipal de Teatro optou por artellar unha curtametraxe, Úrsula, baixo a dirección de Tero Rodríguez, naquel momento responsable desta entidade. Nesta ocasión, a aposta foi por recuperar aquel texto pioneiro.