David Gun vence o IX Torneo de Dramaturxia de Galicia

A montaxe Superego te absolvo impúxose no certame da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

David Gus (centro) na entrega do premio do IX Torneo de Dramaturxia. Fonte: MITCFC
David Gus (centro) na entrega do premio do IX Torneo de Dramaturxia. Fonte: MITCFC
A novena xeira do Torneo de Dramaturxia de Galicia, que celebrou a súa velada este martes 24 de xuño no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), ten xa gañador. O público deste encontro seleccionou a obra Superego te absolvo, do vigués David Gun, como vencedora nesta xeira. A montaxe foi defendida sobre as táboas polos actores Sergio Macías e Sergio Alfonso.

Segundo explica Gun na páxina web da MITCFC, a súa proposta "en esencia é unha reflexión filósofica sobre o ben e o mal aplicada aos tempos actuais, pero que non pretende dar unha conclusión, senón deixar abertas portas ao espectador/lector". Canda a isto, o texto "tamén toca o tema da psicoloxía a día de hoxe, cunha pequena crítica detrás, pero onde se dispara cara ás dúas bandas", sempre "dende o intento de sacar o sorriso da xente", sinala o dramaturgo.

O autor, nado en 1980 en Vigo, é titulado en Arte Dramática nas ramas de dirección e de dramaturxia e ten desenvolvido labores de actor, monologuista, director, dramaturgo e profesor de teatro. Foi cofundador da compañía Teatro Lope e conta cunha importante colección de textos dramáticos no seu haber.

Competían con el nesta edición do torneo as obras As Carolinas, de Iván Caloto, Comendo terra, de Marta Lado, e Divina-mente, da autora Amantia Coello. Esther Carrodeguas actuou como mestra de cerimonias deste combate entre dramaturgos e dramaturgas que se bateron na procura do voto do público, que determinou o gañador.