
Ademais da presenza internacional das producións e dos profesionais do país, a cita atenderá a diferentes formatos e ao "proceso de consolidación do ecosistema audiovisual, do seu equilibrio industrial e creativo, e os pasos que se están a tomar para a súa normalización no país á marxe de soportes e formatos", segundo explica a organización.
O programa inclúe proxeccións como as das webseries Pringadas e A moza que abortou e o contou, canda aos filmes Aillados, Xusticia artificial, El secreto del orfebre, Casa en flames e Sin él. Esta proposta complementaranse con intervencións a cargo de profesionais da dirección como Olga Osorio, Eire Cid, Rosalía Quiroga e Miguel Ángel Delgado.
Canda a estes, guionistas como Simón Casal e Emilio Martínez-Borso, profesionais da dirección de fotografía como María Muñoz, da produción, como Ana Eiras e Chelo Loureiro, a foquista Sarai Moreira e Pablo Lamos, que se dedica aos efectos especiais, tamén achegarán a súa experiencia ao encontro. Raquel Meleiro e Tony Karra impartirán unha clase maxistral sobre dirección de actores e actrices e desenvolverase unha mesa sobre localizacións, entre outras propostas.