Poxa dunha das grandes coleccións numismáticas galegas

Os lotes inclúen exemplares únicos e moedas destacadas acuñadas en Galicia

Os lotes inclúen exemplares únicos e moedas destacadas acuñadas en Galicia
Moeda de Henrique IV acuñada na ceca da Coruña
A casa de poxas Jesús Vico realizará o vindeiro 25 de xuño en Madrid unha poxa pública da colección do recoñecido numismático galego Antonio Orol Pernas, que inclúe un dilatado conxunto de moedas acuñadas en Galicia desde a época romana, como diferentes exemplares de series de moedas da caetra, ata un conxunto moi amplo de moedas medievais, da Idade Moderna e ata o século XIX. Deste xeito, están moedas acuñadas na ceca compostelá, na coruñesa, na luguesa e no caso das moedas suevas e visigodas, en diferentes cidades ou comarcas do noroeste. Entre os prezos de partida das moedas, atópase un exemplar único dun excelente de ouro dos Reis Católicos, cun valor de saída de 25.000 euros, ou a moeda coa inscrición Munita Gallica Pax, tamén considerada única, e que pode estar vinculada aos acordos de paz entre o rei Miro de Galicia e os merovinxios contra os visigodos, ou corresponder á primeira mención numismática a Galicia. O prezo de saída da moeda Munita Gallica Pax é de 15.000 euros. En declaracións a Nós Diario, diferentes expertos como Felipe Senén pularon porque a Xunta de Galicia adquira a colección. A poxa celebrarase en Madrid, organizada pola casa Jesús Vico, o 25 de xuño.