A Xunta declarará BIC sete das moedas históricas da colección Orol

Van ser obxecto de poxa en Madrid mañá 25 de xuño

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a incoación, ou sexa, o inicio do procedemento para declarar sete das moedas da colección Antonio Orol que van ser obxecto de poxa mañá no Hotel Palace de Madrid. Segundo a Xunta, "constitúen emisións únicas que conforman un testemuño material e documental da presenza do reino suevo en Galicia e do medievo renacentista". As moedas protexidas son un tremissis suevo de Honorio, ceca Gallaecia, un tremissis suevo de Valentiniano, ceca Gallaecia, un tremissis suevo serie Latina Mvnita, Ceca Gallaecia, un tremissis Visigodo de Wamba, ceca Tui, un 1/4 de excelente dos Reis Católicos, ceca A Coruña, un 1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, ceca A Coruña e un 1/2 real de Felipe II, ceca A Coruña. A semana pasada coñeceuse que a colección saía a poxa. A incoación bloquea que as moedas poidan saír do Estado.