A historia do Reino de Galicia contará cun centro de interpretación en Betanzos

Deputación e Concello asinan un convenio para abrir un espazo de exposición permanente sobre ese período

| Santiago. Redacción | Seccións: SociedadePolíticas Culturais
Compartir:
A deputada de cultura, Natividade González, e alcaldesa brigantina, María Barral      Foto: Deputación provincial da Coruña

A deputada de cultura, Natividade González, e alcaldesa brigantina, María Barral Foto: Deputación provincial da Coruña

Betanzos contará, co apoio da Deputación da Coruña, cunha exposición permanente sobre o Reino de Galicia co obxectivo de contribuír á difusión da historia e da identidade galegas a través dunha instalación museográfica estable que se converterá no primeiro centro de interpretación daquela época. A deputada de cultura, Natividade González, e alcaldesa brigantina, María Barral, asinaron o protocolo previo ao convenio no que se regulará o réxime de uso do novo espazo onde se instalará a mostra.

Segundo o protocolo, o Concello de Betanzos comprométese a redactar e executar o proxecto de rehabilitación dun edificio de titularidade municipal situado na traseira da actual sede da Policía Local, na zona vella da localidade, adaptándoo ás necesidades técnicas e espaciais que requira unha instalación expositiva permanente. O Concello asumirá a totalidade do custo da obra e notificaralle á Deputación a data prevista de finalización unha vez estea adxudicada. Pola súa banda, a Deputación comprométese a iniciar o procedemento de contratación para o deseño museográfico da exposición logo da sinatura do protocolo. Este procedemento de contratación non se iniciará ata que o Concello de Betanzos teña finalizado e aprobado o proxecto técnico de rehabilitación do inmoble e llo facilite á Deputación, co obxectivo de adaptar o deseño expositivo ás características arquitectónicas e funcionais definitivas do espazo. A recuperación da historia do Reino é unha das principais liñas de traballo da área de cultura da Deputación da Coruña. Neste marco, a institución promove, entre outras iniciativas, o Fondo de proxectos culturais Reino da Galicia, que vén de escoller as quince propostas premiadas na súa terceira edición, cun investimento de 188.515 euros.

Que che parece esta nova?
96 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Reino de Galicia, Deputación da Coruña, Natividade González, Identidade...