Comeza a nova xeira de Cultura no Camiño

O programa medra lixeiramente e inclúe 310 actuacións en 88 concellos

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Imaxe da edición 2024 de Cultura no Camiño

Imaxe da edición 2024 de Cultura no Camiño

Cinco actuacións máis, ata un total de 310, repartidas por 88 concellos do país compoñen o programa da décima terceira edición de Cultura no Camiño. A Consellería de Cultura daba a coñecer este 10 de xuño a nova xeira desta iniciativa, que leva propostas de circo, danza, música, narración oral e teatro por localidades próximas ás rutas xacobeas.

Un total de 170 formacións artísticas do país fan parte do programa, que conta cun orzamento de 530.000 euros, a sumar as achegas da Xunta e dos diferentes concellos que participan da iniciativa. A narración oral de Cris de Caldas abrirá o programa este 15 de xuño en Barreiros, e ese mesmo día poderán verse en Paderne O medo é libre, de Ángeles Goás, e as montaxes A historia de Brancaflor, a cargo de Fran Rei, e O último que apague a luz, de A Vela Circo en Vilagarcía de Arousa.

Ata o vindeiro 31 de agosto sucederanse as propostas, das que 114 corresponden a representacións de teatro e danza, con compañías como A Cova das Letras, A Familia Bocaprier, Bandullo Azul, Fran Sieira Compañía de Danza, MeRe Clown, Migallas Teatro ou Nelson Quintero.

A maxia concentra 36 das funcións do programa, a cargo do Mago Teto ou Mago Antón, mentres que o circo contemporáneo protagoniza 73 citas a cargo de formacións como As Sircópatas, Circo Chosco, Peter Punk Pallaso, Pistacatro ou SU.MA. Os espectáculos musicais suman 87 concertos da man de formacións como A Banda do Verán, Emilio Rúa, Mekánica Rolling Band, Odaiko ou Pakolas.

A Coruña acollerá 102 das actuacións do programa, mentres en Lugo desenvolveranse 68, en Pontevedra 82, e en Ourense serán 57.

Que che parece esta nova?
75 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Danza, Teatro, Narración oral, Consellería de Cultura...