Cinco artistas presentan no CGAC a súa ollada sobre o barrio de San Pedro

A exposición 'No espazo e na voz lemos o tempo' reflexiona sobre a identidade e imaxinario do espazo urbano

A exposición 'No espazo e na voz lemos o tempo' reflexiona sobre a identidade e imaxinario do espazo urbano
O espazo de recepción do Centro Galego de Arte Contemporánea acolle a exposición 'No espazo e na voz lemos o tempo' na que cinco artistas comisariados por Claudio Zulián presentan traballos arredor da identidade e dos imaxinarios de barrio, concretamente do de San Pedro, en Santiago de Compostela, no que está o propio CGAC. Todos eles oscilan entre unha perspectiva propiamente documental e unha mirada estética. Ademais, a diversidade de técnicas e ferramentas utilizadas confírelle ao conxunto un carácter poliédrico. Tres das pezas incluídas nesta mostra -os traballos de Noemí Moisés Méndez-Benegassi Gamallo, Irina Malyuchenko e Candela Conde- son obras videográficas; Ramón Yoshimura, pola súa banda, produciu unha serie de fotografías e Silvia G. Armesto, un conxunto de debuxos a carbón e acuarelas sobre papel.

Estas obras xorden a partires da exposición 'Vidas' do artista e cineasta Claudio Zulian, que entre outubro de 2022 e febreiro de 2023 tivo lugar no CGAC na que o artista elaboraba un traballo inspirado no barrio de Vite de Santiago de Compostela. Propúxose un taller de artista dirixido polo propio Zulián, concibido como un espazo de reflexión, experiencia e creación sobre o tecido urbano e as comunidades que o habitan, nesta ocasión sobre o barrio de San Pedro. A primeira fase do taller desenvolveuse ao longo dunha semana, e posteriormente sucedéronse tres sesións presenciais de varios días de duración e tres sesións en liña ao longo dun ano. Todas as persoas participantes interviñeron nos procesos de recompilación de documentación, acción e desenvolvemento dos proxectos. Con todo, co tempo só se formalizaron os cinco traballos que agora se presentan no CGAC e que non aspiran a ofrecer unha lectura exhaustiva da riquísima vitalidade do barrio de San Pedro, senón, máis ben, a mostrar a multiplicidade de achegamentos posibles e a creatividade que suscita.