Hoxe inaugúrase a exposición Colección CGAC 25, coa que o Centro Galego de Arte Contemporánea quere "subliñar a súa función transformadora como institución cultural". Esta é unha exposición que celebra os vintecinco anos do centro e o seu impacto na "produción e divulgación artística" e o impulso á "internacionalización". A mostra, comisariada por Santiago Olmo, está dividida en tres "capítulos". No primeiro, faise unha retrospectiva sobre o contexto español e internacional para a arte galega, no segundo examínase a internacionalización levada a cabo polo centro a partir dos 90 e no terceiro analízase a arquitectura do arquitecto portugués Álvaro Siza, autor do edificio. Un cuarto espazo permite ver unha escolma de vídeos da colección centradas nas relacións entre a performance e o estilo documental. A mostra pódese visitar ata o 30 de setembro.