Arte e arquitectura dialogan no CGAC

A exposición 'En construcción' reúne a obra de 15 artistas e rende homenaxe ao 25 aniversario do centro

Comisariada por Santiago Olmo, a exposición colectiva En Construcción inaugurada o 6 de xullo no Centro Galego de Arte Contemporánea indaga nas estreitas relacións entre arte e arquitectura ao longo do século XX. O proxecto conta con obras de Lara Almarcegui, Marlon de Azambuja, Pablo Barreiro, Carlos Bunga, Rosendo Cid, Björn Dahlem, Tamara Feijoo, María Luisa Fernández, Fernanda Fragateiro, Juan Gopar, Hisae Ikenaga, Kiko Pérez, Tobias Rehberger, Jessica Stockholder, e Héctor Zamora. Esta exposición propón un acercamento á idea de construción a partir da obra destes artistas moi dispares e de varias disciplinas que non obstante comparten un interese pola análise e as metodoloxías propias da construción. Así mesmo, con motivo da celebración do 25.º aniversario do museo, deseñado polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira e inaugurado en 1993, este proxecto pon de relevo a función que como espazo de diálogo desempeñou o edificio do CGAC. En construcción pode verse na sede do CGAC ata o 28 de outubro.