A Xunta anuncia unha sede do CGAC para Vigo

Actualización: Corina Porro e Román Rodríguez presentan Vigo Crea. Barrio Creativo

A aproveitar a cerimonia de entrega dos Premios da Cultura Galega que se celebrou este 14 de xaneiro o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, adiantou as novas propostas culturais do goberno galego para Vigo. Como principal novidade, anunciou a vindeira posta en marcha dunha sede do Centro Galego de Arte Contemporánea na Cidade Olívica. Esta é a segunda expansión do CGAC que se anuncia nos últimos meses, logo da prevista para o barrio da Tinería, en Lugo. O novo espazo, segundo sinala a Xunta "funcionará como espazo de exposición e creación artística que permitirá a difusión de artistas locais, que contarán cun espazo para a promoción da súa actividade".

Feijóo explicou que malia a esta iniciativa, a Xunta manterá o seu apoio ao Museo de Arte Contemporáneo (MARCO) da cidade, de titularidade municipal. O proxecto compleméntase co desenvolvemento dun barrio creativo no ámbito do Casco Vello Alto de Vigo. Esta iniciativa contará cunha serie de locais, propiedade do Consorcio do Casco Vello e cedidos á Xunta, "para poñer en marcha unha proposta de espazos para iniciativas no eido das industrias creativas e o turismo cultural". As novas propostas, que segundo Feijóo fan parte dun paquete de iniciativas para impulsar a cultura na cidade, está previsto que se desenvolvan ao longo do primeiro semestre de 2020.

Do mesmo xeito, o presidente garantiu a continuidade do investimento autonómico en propostas como a biblioteca pública Juan Compañel, a tempada sinfónica e o Outono Lírico e de colaboracións como as que mantén con Galicia Fiddle, Sinsalaudio ou Amigos da Ópera de Vigo, entre outras moitas.

ACTUALIZACIÓN:
O conselleiro de Cultura Román Rodríguez e mais a delegada territorial da Xunta, Corina Porro, presentaron na mañá deste 15 de xaneiro a iniciativa Vigo Crea. Barrio Creativo, polo que 17 inmobles do Casco Vello da cidade se destinarán a usos culturais e turísticos. O proxecto da Xunta, tal e como adiantara na noite de onte o presidente da Xunta, nace "co obxectivo de impulsar as industrias creativas e o turismo cultural na cidade, fomentando o talento local e os novos creadores, ao tempo que se aposta pola dinamización da zona histórica da cidade".

Unha convocatoria aberta distribuirá estes espazos entre os proxectos innovadores que teñan interese, aínda que a Xunta xa adiantou que dos 17 inmobles propostos dez "destinaranse á posta en marcha de proxectos no eido das industrias creativas, en ámbitos como as artes visuais, artes escénicas ou a banda deseñada", cinco estarán destinados ao eido turístico e outros dous dedicaranse a usos comúns, de formación e acompañamento "co fin de favorecer o intercambio de ideas e proxectos, facendo desta iniciativa unha acción de traballo en rede".

Encol da nova sede do CGAC, Rodríguez adiantou que contará cunha superficie de arredor de 400 metros cadrados nos que se instalará unha sala expositiva e un espazo de documentación. O novo espazo contará cun proxecto museográfico específico que estará centrado na escena local.