As actividades polo Día dos Arquivos queren achegar estes espazos á cidadanía

As entidades que dependen da Xunta celebran unha trintena de actividades arredor da efeméride

Unha trintena de actividades ao longo dunha semana celebran o Día Internacional dos Arquivos nas entidades deste tipo que dependen da Xunta de Galicia. A efeméride deste 9 de xuño inclúe a inauguración de tres exposicións no Arquivo de Galicia, no Histórico de Lugo en Provincial de Ourense, ademais de visitas teatralizadas, conferencias ou concertos.

O pasado venres 6 o Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, abría con esta ocasión a mostra Educando a mirada. Leccións de Arte e Deseño. O proxecto, segundo sinala a Xunta pon en valor "a actividade entre a segunda década do século XIX e mediados do século XX de dúas institucións comprometidas coa formación de artistas e artesáns en Santiago de Compostela, como son a Real Sociedade de Amigos do País e a Escola de Artes e Oficios". A proposta compleméntase con xornadas de portas abertas entre os días 9 e 13 de xuño.

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense, á súa vez, acolle a partir do día 10 a exposición Castelao: 75 cabodano, que percorre a traxectoria e as diferentes facetas do rianxeiro a partir de traballos e documentación dos fondos deste arquivo. Ademais, o centro acollerá unha conferencia a cargo do catedrático Afonso Vázquez Monxardín, sobre os vencellos de Castelao coa Cidade das Burgas, e mais visitas guiadas e teatralizadas para centros escolares.

En Lugo será o día 23 cando o Arquivo Histórico Provincial inaugure O gabinete fotográfico de Constantino Rodríguez. Esta compilación amosará máis de 200 imaxes antigas que compilan retratos, vistas da cidade e imaxes de oficios e que se acompañará dunha publicación específica.

Pola súa banda, o Arquivo do Reino de Galicia difundirá ao longo de todo o mes un podcast e diferentes vídeos divulgativos a dar a coñecer a súa actividade e diferentes curiosidades sobre os seus fondos. Ademais, as redes sociais do centro acollerán un calendario de efemérides vencellado co 250 aniversario da creación deste arquivo e cos 70 anos da inauguración das instalacións no edificio actual, e publicará tamén un informe que permitirá ver a evolución e situación actual do Arquivo do Reino de Galicia desde os seus inicios ata a actualidade.