Galician Army presenta o seu primeiro disco de temas propios

En 'Valuria' o dúo de produtores de electrónica conta coas colaboracións de Fillas de Cassandra ou Iván Ferreiro

Imaxe de Valuria. Realizada por Iago Méndez Suazo
Imaxe de Valuria. Realizada por Iago Méndez Suazo
'Valuria' (Esmerarte, 2025) é o título do álbum de debut con temas propios do dúo de produtores de música electrónica de baile Alberto Prado e Sergio Vallejo, que artisticamente asinan como Galician Army. Habituais movendo ao baile desde os escenarios de festivais e clubes de electrónica desde fai case unha década, as súas colaboracións con outros artistas galegos de xéneros musicais variados a través de remesturas para formacións como Tanxugueiras o The Rapants abriron camiño cara o que foi o seu primeiro traballo discográfico, NÓS (Esmerarte, 2023), con remesturas de artistas como Luar Na Lubre, Xoel López ou Xosé Lois Romero & Aliboria, entre outros. Nestes últimos tempos consolidaron ademais ese vencello co resto da escena galega a través de celebradas colaboracións con artistas como Grande Amore & Futuro Alcance, Cool Nenas, Maríagrep ou Boyanka Kostova. Desde hoxe xa este dispoñible nas plataformas este 'Valuria' do que xa so foron avanzando algúns temas como 'Esta ciudad', en colaboración con Iván Ferreiro.

O disco, de dez temas con duracións curtas ao estilo do pop (o máis longo dura 3'40"), conta ademais de co citado Ferreiro con temas en colaboración con outros artistas como Fillas De Cassandra no tema que dá nome ao disco e que está cantado en galego; Jordana B En 'María'; o artista electrónico Silhouette, en 'Time' e Marilia Monzón en 'Rendición'. O álbum transita entre o Synth Wave, Ambient, Break Beat e non renuncia ás guitarras máis Indie nalgúns temas, recoñecendo niso influencias dos grandes referentes da electrónica francesa como Justice o Kavinsky. Entre listado de cancións deste 'Valuria', atopamos pistas coa vocación de mover ao máximo as pistas de baile, como o Break beat de 'Rise' ou a potente 'Ga Ga', tamén un achegamento á electrónica urbana trap, con ese 'María' que asinan con Jordana B. En xeral un traballo que de seguro, cando comecen a presentar en directo coa seu correspondente proposta visual, acadará os seus obxectivos e subirá algún punto o nome do dúo nos carteis. O primeiro encontro co público será o vindeiro día 12 de xuño durante o festival O Son do Camiño. Posteriormente estarán tamén no Portamérica e no Festival Osa do Mar de Burela, entre outras datas fóra de Galicia.