A emerxencia lingüística centra o VIII congreso da Asociación Galega de Antropoloxía

O Instituto da Lingua Galega, en Santiago de Compostela, acolle o encontro este 6 de xuño

A Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO) celebra este 6 de xuño o seu oitavo congreso baixo o lema A antropoloxía galega fronte á emerxencia lingüística: respostas e propostas. O Instituto da Lingua Galega, en Santiago de Compostela, acolle o encontro, co que a entidade quere contribuír ao debate sobre a situación do galego.

Cunha perda de falantes que, segundo sinala a entidade na presentación do encontro, "compromete seriamente as perspectivas da lingua no medio prazo, prendendo as alarmas da emerxencia lingüística", o encontro pretende responder á cuestión "Que pode facer a antropoloxía ante esta situación?".

A xornada comezará coa presentación dunha serie de investigacións e experiencias arredor da dinamización lingüística desde esta disciplina. Deste xeito, Rexenerando S. Coop. Galega dará a coñecer o Laboratorio de Apoderamento Lingüístico de Ferrolterra, mentres Kalle Rose Prendergast, da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa amosará a súa análise sobre "a foliada como espazo de construción identitaria do neofalante". Lois Ladra e María Xosé Fernández Cerviño explicarán as "respostas e propostas" do Museo do Pobo Galego ante a situación do noso idioma, mentres Natalia Cea Rodríguez, da Universidade da Coruña, dará a coñecer a súa análise antropolóxica sobre a Rede de Escolas de Ensino Galego Semente. A sesión continuará cunha mesa redonda co título A emerxencia lingüística. Que podemos fazer dende a antropoloxía? na que participarán Gabriela Prego, Martín Vázquez e Ana Iglesias, con moderación de Gabino Vázquez Grandío (RAG, ILG).

A sesión de tarde do congreso atenderá a outros temas de investigación nos que traballa o colectivo de antropólogas e antropólogos galegos. David Oshige Adams exporá a súa análise Peruanidad 2.0: Una etnografía digital sobre "bienestares", estrategias y flujos transnacionales en la migración peruana a Galicia, mentres Antonela Mannelli tratará Os procesos de integración-exclusión social das persoas migrantes en Galicia: O rol das ONG. Diego Allen-Perkins e Carlos Diz abordarán a "loxística, continxencia e axenciamentos precarios na repartición de comida en plataformas dixitais" na súa presentación, mentres Lucía Carballeira Vieites explorará A educación afectivo-sexual en Galicia mediada polos centros de información e asesoramento para o alumnado de educación secundaria.

As últimas intervencións serán para Eva María Infante Deus, que dará a coñecer a súa investigación Vestir o instante: Experiencia, moda e territorio no Zara da Rúa Compostela (A Coruña) e mais para Sofía Crespo Baílez, que presenta As invisibles: Represión, resistencia e memoria das mulleres que participaron na resistencia antifranquista na comarca do Bierzo (1936-1951). Como feche da xornada, a AGANTRO celebrará a súa asemblea anual. O congreso está organizado en colaboración co Instituto da Lingua Galega.