Abre en Lugo a mostra do XII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O proxecto Alén do Lago, de Carlos Folgoso pode verse no CENTRAD ata o 30 de xuño

O proxecto <i>Alén do Lago</i>, de Carlos Folgoso pode verse no CENTRAD ata o 30 de xuño
Fotografía de Carlos Folgoso. Fonte: Outono Fotográfico
O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) de Lugo acolle ás 20 horas deste 30 de maio a inauguración da mostra gañadora do XII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Alén do Lago, proxecto de Carlos Folgoso, que se alzou co galardón, preséntase como "unha viaxe metafórica a través das idiosincrasias de Galiza, atravesada polo entorno máis próximo do autor, unha narrativa construída cunha atmosfera cinematográfica que nos transporta a un tempo indeterminado, onde se mesturan as realidades sociais e políticas coas lendas galegas e coa súa fronteira con Portugal".

Segundo sinala a organización do galardón, nesta serie fotográfica "a tristeza e o traballo como sinais de identidade, a emigración profundamente enraizada, o que protexemos e o que desprezamos, a tradición e os incendios forestais, as crenzas sincréticas e as mitoloxías, e unha dualidade entre forza e opresión que sempre caracterizou o noso pobo, son os eixos principais deste proxecto".

A exposición pode verse ata o vindeiro 30 de xuño en Lugo, e continuará a súa itinerancia por Londres, Nova York e San Petesburgo, para ter despois paradas noutras cidades galegas e por Portugal, onde visitará Braga no ámbito do festival intenacional Encontros da Imagem.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea está organizado pola Asociación Outono Fotográfico co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e o apoio da Rede Museística Provincial de Lugo.

Fotografía do proxecto <i>Alén do lago</i>
Fotografía do proxecto Alén do lago


Fotografía do proxecto <i>Alén do lago</i>
Fotografía do proxecto Alén do lago