Carlos Folgoso Sueiro faise co XII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O seu proxecto Máis alá do lago foi seleccionado entre 211 a concurso

O seu proxecto <i>Máis alá do lago</i> foi seleccionado entre 211 a concurso
A Asociación Outono Fotográfico daba a coñecer este 2 de outubro o fallo do XII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. O verinés Carlos Folgoso Sueiro impúxose nesta xeira co seu proxecto Máis alá do lago. Ao abeiro deste premio, que conta co apoio da Xunta e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, producirase unha exposición, que itinerará durante dous anos, e editarase un libro coas imaxes seleccionadas.

O xurado destacou que Máis alá do lago "é unha viaxe metafórica a través das idiosincrasias de Galiza, unha narrativa construída cunha atmosfera cinematográfica que nos transporta a un tempo indeterminado, onde se mesturan as realidades sociais e políticas coas lendas galegas e coa súa fronteira con Portugal". Así, "a tristeza e o traballo como sinais de identidade, a emigración profundamente enraizada, o que protexemos e o que desprezamos, a tradición e os incendios forestais, as crenzas sincréticas e as mitoloxías, e unha dualidade entre forza e opresión que sempre caracterizou o noso pobo, son os eixos principais deste proxecto".

O comité de selección do premio, que escolleu este proxecto entre os 211 presentados a concurso, seleccionou como finalistas os traballos presentados por de Anja Engelke, Matthew Arnold, Markel Redondo e Alnis Stakle.

Jokin Aspuru, director de Getxophoto; Elina Heikka, directora do Museo Nacional de Fotografía de Finlandia; Elisa Noronha, curadora da Bienal de Cerveira; os coordinadores do Premio, Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves, Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo e Eva Torres, directora técnica de Espazos Expositivos e Áreas Museísticas do Concello de Ourense, conformaron o xurado.

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, en Lugo, acollerá o vindeiro mes de decembro o comezo da itinerancia da exposición do traballo gañador.

Imaxe de Máis alá do lago. Fonte: Outono Fotográfico
Imaxe de Máis alá do lago. Fonte: Outono Fotográfico


Imaxe de Máis alá do lago. Fonte: Outono Fotográfico
Imaxe de Máis alá do lago. Fonte: Outono Fotográfico


Imaxe de Máis alá do lago. Fonte: Outono Fotográfico
Imaxe de Máis alá do lago. Fonte: Outono Fotográfico