Vera Mantero Foto: : Nuno Vasco
Cada ano Plataforma, o festival de artes performativas quere outorgar o premio a unha artista cuxas achegas no campo da performance, as artes vivas ou performativas sexan significativas e referente de novas xeracións de artistas. O Premio Plataforma deste ano vai ser entregado á artista portuguesa Vera Mantero en recoñecemento á súa traxectoria. Esta é a primeira vez que o festival recoñece co seu galardón a unha artista internacional como é a portuguesa. Segundo a organización, ela é "unha figura clave na danza contemporánea portuguesa e europea, recoñecida polo seu enfoque innovador e transdisciplinar que transformou profundamente o panorama escénico desde finais dos anos 80". Este venres 23 ás 19 horas Vera Mantero presentará dentro do programa do festival Plataforma que se está a desenvolver en Santiago, a peza 'Un pequeno exercicio de composición' con Teresa Silva na Sala AgustÃn Magán no CSC de Santa Marta. A entrada é libre ata completar aforo e ten unha duración estimada de 30 minutos. A continuación a Alcaldesa de Santiago de Compostela faralle entrega do Premio Plataforma á artista lusa.
Vera Mantero (Lisboa) é coreógrafa, bailarina, intérprete e unha das figuras centrais da Nova Danza Portuguesa. Comezou a súa carreira na danza clásica, que explorou entre 1984 e 1989 para pasar despois a entrar na escena da danza contemporánea. O seu traballo como coreógrafa, iniciado en 1987, alcanzou notoriedade internacional, con xiras por toda Europa, Arxentina, Uruguai, Brasil, Canadá, Corea do Sur, Estados Unidos ou Singapur. Representou a Portugal na 26ª Bienal de São Paulo e recibiu o Premio Almada (IPAE/Ministerio de Cultura) e o Premio Gulbenkian de Arte pola súa traxectoria como creadora e intérprete. É a fundadora e actual directora de O Rumo do Fumo, unha estrutura centrada na experimentación e a investigación no campo da danza contemporánea.