O festival Plataforma chega á súa quinta xeira en Compostela

O encontro desenvólvese entre 16 e o 25 de maio en nove espazos da capital

Nove espazos de Santiago de Compostela acollen, do 16 ao 25 de maio, a quinta edición de Plataforma. Festival de artes performativas. O encontro que coordina a Cooperativa Performa, conformada por Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo, co apoio do Concello, achegará "performances, música, cinema, danza, propostas escénicas, encontros, talleres, exposicións, conferencias performativas e arte contemporánea".

O músico Benxa Otero, en colaboración co Coro da Rá será o encargado que abrir a cita coa estrea da peza Coma un cento de paxaros, composta especialmente para a ocasión, na Praza da Quintana. A seguir, o día 17, será a artista Neves Seara a que desenvolva a performance Perder os papeis. Palabra ferida na Fundación DIDAC.

A conmemorar o Día dos Museos, 18 de Maio, o Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá a artista alemá Grace Schwindt en colaboración coa música e performer galega Macarena Montesinos a desenvolver a peza Strings a partir das figuras da mouras. Na mesma xornada, a coreógrafa, bailarina e Premio Nacional de Danza Mónica Valenciano actuará na sede de SGAE a presentar o seu último traballo El lugar de los pasos perdidos.

Para o día 19 o festival volta ao CGAC para presentar a estrea galega de Blob da man de María Jerez. Nuria Vil pola súa banda, presentará a peza performativa Declaro deserto na Fundación DIDAC. A programación da xornada remata coa presentación do proxecto Fora de si das coreógrafas e bailarinas Nuria Sotelo e Luz Arcas na Igrexa da Universidade.

O venres 24 de maio marca a continuación do programa coa presenza da gran figura da danza contemporánea Juan Domínguez que desenvolverá a conferencia performativa No me tiene que interesar no Centro Sociocultural de Santa Marta. Para sábado 25 a sala NUMAX acollerá a estrea do filme Carmen Troubles do portugués Vasco Araújo. Ademais, abrirase a mostra E agora para onde vou, deste mesmo creador. O encontro finalizará na noite do 25 de maio ás 22.00 horas coa actuación da DJ Russ na Sala Riquela.

As propostas escénicas do evento combínanse con actividades de formación. Neste campo Ana Gesto impartirá un obradoiro de performance o día 14, que amosará os seus resultados o 18. Pola súa banda, Neves Seara realizará unha proposta creativa para a cativada no Parque de Bonaval o día 25.