O Festival de Artes Performativas Plataforma inicia a súa primeira edición

Desenvólvese ata o vindeiro 18 de setembro en Compostela

Plataforma, o novo Festival de Artes Performativas de Compostela, iniciou este 10 de setembro a súa primeira edición. Dirixido por Mónica Maneiro, David Barro e Iñaki Martínez Antelo o evento "quere tender pontes entre as artes visuais e as artes vivas, a música, a arquitectura e o deseño". O programa, que se desenvolve ata o vindeiro día 18, inclúe, segundo explicaron os organizadores na presentación do evento, "estreas absolutas de pezas de artistas como Paula Quintas -coa dirección de Rut Balbís-; performances creadas especificamente para o festival, como é o caso das de María Roja, Alejandra Pombo e Berio Molina e Juan López; accións poético-musicais inéditas de Olalla Cociña e Menina Arroutada; estreas en España como a peza de Pablo Fidalgo e a estrea de pezas en Galicia, en galego e coa colaboración de artistas galegos, de artistas doutros ámbitos estatais como Marta Fernández Calvo -que traballará con Su Garrido Pombo, Paulo Pascual ou Faia Díaz- ou Cabello/Carceller -que o farán con Menina Arroutada, García MC, Rendi Nue e Dj Mill-".


Canda a isto, o programa inclúe catro exposicións: La Ribot no CGAC; Christian García Bello na Fundación DIDAC; Manuel Eirís na Fundación Eugenio Granell e Mirar o son. Notación gráfica na música contemporánea no Auditorio de Galicia.