Os atentados ao patrimonio cultural terán sancións acordes ao dano

As Cidades Patrimonio aproban un protocolo para dar resposta ao vandalismo

As Cidades Patrimonio aproban un protocolo para dar resposta ao vandalismo
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, na reunión en París
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade reuniuse en París co director do Centro de Patrimonio Mundial da Unesco e aprobou un protocolo pioneiro, denominado 'Declaración de Salamanca', para responder aos actos vandálicos contra o patrimonio cultural. O catálogo de medidas inclúe novas "sancións por faltas e delitos contra o patrimonio cultural, ademais da cuantificación dos coeficientes específicos que se poidan aplicar no marco dunha nova regulación que cualifica o custo da restauración do dano". segundo a presidenta do Grupo e alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín.

A delegación de alcaldes e alcaldesas do Grupo das 15 Cidades de España, encabezada por Sanmartín, reuniuse o luns 12 de maio en París co director do Centro de Patrimonio Mundial da Unesco, Lazare Eloundou Assomo, xunto co Embaixador de España en Unesco, Miquel Iceta. Neste encontro, acordaron establecer liñas directas de colaboración en sustentabilidade e protección dos centros históricos. Actualmente a capital galega é a única poboación galega que forma parte deste grupo de quince cidades Patrimonio da Humanidade de España. O protocolo ten vocación internacional e require o traballo conxunto entre a sociedade civil, as administracións municipais, autonómicas e de ámbito nacional, xunto coas forzas de seguridade (incluíndo policías municipais, Policía Nacional e Garda Civil), as fiscalías, os servizos xurídicos municipais e o conxunto da xudicatura, para aplicar criterios unificados fronte aos atentados contra o patrimonio.

Valoración dos atentados
Para a valoración dos atentados contra o patrimonio cultural, establécense os seguintes criterios ponderables: o valor histórico ou estético; o valor de uso, o valor de antigüidade, o valor de identidade e/o popular, o valor tipolóxico e/ ou de singularidade, o valor urbanístico e ambiental, así como o valor da autenticidade. A todos estes valores intrínsecos do ben cultural outórgaselles unha porcentaxe de ponderación que oscila entre o 20% para o Ben de réxime común, chega ao 50% para o Ben catalogado ou inventariado e ata o 100% no caso do Ben de Interese Cultural (BIC) ou o Ben declarado Patrimonio Mundial.