Antonio López Ferreiro súmase ao Álbum de Galicia

O Consello da Cultura Galega repasa a traxectoria do cóengo que localizou os restos do apóstolo Santiago no século XIX

O Consello da Cultura Galega repasa a traxectoria do cóengo que localizou os restos do apóstolo Santiago no século XIX
Antonio López Ferreiro. Fonte: Álbum de Galicia
A coincidir coa Semana Santa, o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega incorpora a biografía dunha figura que marcou o devir relixioso do noso país. Antonio López Ferreiro, cóengo, arqueólogo, escritor e historiador que localizou os restos do Apóstolo Santiago e dos seus discípulos Atanasio e Teodoro en 1879 é a nova achega a esta colección de biografías.

Xosé Ramón Fandiño asina unha ampla entrada que repasa esta figura, impulsora dos traballos arqueolóxicos que permitiron localizar baixo o altar maior da Catedral de Santiago as reliquias dos santos agochadas desde o século XVI. O investigador contou para este labor coa axuda de Xosé María Labín Cabello, cóengo doutoral e reitor do Seminario, do mestre de obras Larramendi e do operario Xoán Nartallo.

Posteriormente, López Ferreiro explicou este proceso no Informe redactado polos dous capitulares, Declaración e información acerca de la autenticidad de las Reliquias del Apóstol Santiago. A verificación da autenticidade destes restos deu pé ao comezo da celebración dos anos santos e reactivou as peregrinacións á capital galega.

Para alén desa investigación, López Ferreiro desenvolveu un intenso labor intelectual como autor de 105 títulos entre libros, folletos e artigos, na súa maior parte dedicados á historia. "Á parte dos seus innumerables artigos, o arquiveiro compostelán é autor de diversas monografías, das cales a máis importante son os once tomos e 508 apéndices documentais da Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela, que o cabido e o cardeal Martín de Herrera lle encargaron en 1895 que se ocupase en redactar. Esta obra, un verdadeiro arquivo histórico de Galicia e especialmente da igrexa de Santiago, abrangue desde as súas orixes deica o pontificado de Rafael Múzquiz Aldunate (1821). Publicou o primeiro tomo en 1898 e o undécimo e derradeiro, póstumo, en 1911", lembra Fandiño no seu texto.

Formado en Teoloxía, Dereito Canónico ou Lingua Hebrea, López Ferreiro pasou "case corenta anos de vida capitular nos que desempeñou os cargos de secretario, relicario, arquiveiro e membro das comisións dedicadas ao estudo das reformas na catedral" apunta a entrada. Ademais, o relixioso foi autor de tres obras en galego, A tecedeira de Bonaval, O castelo de Pambre e O niño de pombas coas que introduciu nas nosas letras a novela histórica.

A entrada do Álbum de Galicia incorpora tamén documentación sobre a importancia do seu legado e da súa personalidade, a incluír o volume editado polo CCG en 2008 que contén todas as referencias individualizadas dos documentos, unidades arquivísticas e libros que integran a Colección López-Ferreiro, no Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago.