Arrinca a fundación do Panteón de Galegos Ilustres

A constitución da entidade formalizouse o sábado

A constitución da entidade formalizouse o sábado
Asistentes ao acto. Foto: Arquidiócese de Santiago de Compostela
O Panteón de Galegos Ilustres da igrexa de san Domingos de Bonaval viviu este sábado un día histórico coa sinatura da constitución da fundación que vai xestionar este simbólico espazo. No acto participaron os titulares das catro entidades que constitúen a fundación: Miguel Santalices, presidente do Parlamento, Alfonso Rueda, presidente da Xunta, Goretti F. Sanmartín, alcaldesa de Santiago e Francisco José Prieto, arcebispo de Santiago. A Fundación contará cunha comisión asesora da que formarán parte representantes do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes, as tres universidades públicas de Galicia, as consellerías da Xunta que teñan atribuídas as funcións de cultura e patrimonio histórico e de facenda e orzamentos, o Concello e a Arquidiocese de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e os padroados das persoas que honran a memoria das persoas soterradas no Panteón. A Fundación parte dun orzamento de 30.000 euros, dos que a metade foi achegado polo Parlamento e a outra parte, polas entidades restantes, e estará financiado con cargo aos orzamentos autonómicos. A xestión diaria do espazo poderá será levada a cabo, segundo a lei, polo Museo do Pobo Galego e, segundo a lei do Panteón, "tendo en conta o carácter histórico do Panteón non se realizarán novos enterramentos nel". Con todo, establecerase un reglamento de honras, protocolo e cerimonial que estableza os requisitos mínimos que xustifiquen a concesión de novas honras no Panteón".