Belén Regueira asina este ano o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro

A xornalista establece os paralelismos entre o teatro e a profesión xornalística

A xornalista establece os paralelismos entre o teatro e a profesión xornalística
Belén Regueira Foto: Rebeca Franco
A xornalista e decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira (A Coruña, 1977) asina neste 2025 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Este manifesto, que cada ano encarga a Asociación de Actores e Actrices de Galicia a unha sinatura destacada do noso sector cultural, reflexiona ao redor dos paralelismos entre o teatro e o xornalismo, dúas ferramentas que segundo Regueira actúan "nas súas mellores versións" como "fiscalizadores críticos do poder" ao tempo que axudan a construír a "esfera pública" imprescindible en toda sociedade democrática. A ollos de Regueira estes dous mundos, que "só poden prosperar onde hai liberdade", serven tanto de "espello da nosa vida" como de "fiestra para entender outras vidas". A xornalista inclúe tamén mensaxes ao redor das condicións laborais destes dous sectores. "As dúas son profesións precarizadas e nas que a vocación se usa como coartada para facer apandar con malas condicións laborais. A vocación e os aplausos, que tanto prestan nos dous gremios, pero non son un complemento salarial", salienta a xornalista no Manifesto deste 2025.

A AAAG escolle a Belén Regueira pola súa longa traxectoria no xornalismo cultural. A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia desenvolveu a práctica totalidade da súa carreira profesional nos medios públicos e actualmente exerce o seu oficio nos programas de información cultural da Radio Galega , onde desenvolve un amplo traballo de difusión da nosa cultura en xeral e da nosa escena en particular. A AAAG decidiu, ademais, pedirlle a redacción do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro a Regueira neste 2025, ano no que se vén de aprobar a nova Lei de servizos dos medios públicos da comunicación audiovisual de Galicia. Unha lei que se levou adiante coa oposición da Mesa do Audiovisual Galego. A AAAG quere así amosar o seu compromiso cos medios públicos ao tempo que agradece o gran labor profesional de Regueira no xornalismo cultural.

Belén Regueira lerá o Manifesto na gala dos Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Un total de 17 espectáculos compiten polos 16 galardóns nos que se divide os María Casares, certame organizado pola AAAG co patrocinio da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE e Gadis. Nesa mesma gala, farase entrega á familia de Xabier Deive do Premio de Honra Marisa Soto que se lle concedeu a título póstumo ao actor e antigo presidente da AAAG entre os anos 2019 e 2021.