O Museo de Pontevedra homenaxea a Sociedad Coral Polifónica cunha exposición

Ata o 20 de abril poden verse, entre outras pezas, reproducións das escenografías de Castelao para a entidade

Este 14 de marzo abre as súas portas no Museo Provincial de Pontevedra Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia. A exposición, que se pode ver ata o vindeiro 20 de abril, homenaxea esta entidade centenaria que marcou un fito na cultura do país.

Segundo apunta a presentación do proxecto, o nacemento en 1925 da Coral Polifónica supuxo "unha revolución no panorama musical de Galicia tanto pola composición do colectivo (foi a primeira coral que incorporou neste territorio mulleres á súa nómina de cantores) como polo repertorio que interpretaba" a combinar pezas clásicas e modernas, canda a composicións dos seus directores. Nomes como Antón Losada Diéguez, Antonio Blanco Porto e Antonio Iglesias Vilarelle foron algúns dos persoeiros vinculados á posta en marcha da entidade.

Carlos Valle comisaria esta proposta que recolle a evolución histórica desta entidade a través de tres seccións. A esta súmase unha cuarta na que se amosan as escenografías pioneiras que realizou para a formación Castelao, que tamén foi membro fundador da coral. O Museo amosa reproducións escala de cinco das oito enormes pezas orixinais que conserva, canda a fotografías doutras dúas, hoxe perdidas.

Ademais destas pezas, a mostra recolle, segundo sinala o Museo, "partituras manuscritas, programas de man, recoñecementos e condecoracións, discos gravados nos primeiros anos de existencia da Coral e outras gravacións posteriores, e un amplo repertorio fotográfico que cobre os cen anos de historia desta entidade".