A recuperada bienal e a arte contemporánea protagonizan a programación do Museo de Pontevedra

Tamén seguirá a traballarse na recuperación de figuras como Castelao e iniciativas culturais da historia recente

Tamén seguirá a traballarse na recuperación de figuras como Castelao e iniciativas culturais da historia recente
Na programación do Museo de Pontevedra para o ano 2025 destaca a volta da Bienal coa súa 32ª edición, que será o eixo da proposta expositiva este verán, e que se completará con mostras na primavera e no outono. Entre elas, destacan a dedicada ao centenario da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, que se inaugurará o 14 de marzo, e a que recuperará a historia da fotografía na cidade no século XIX, que abrirá as súas portas no último trimestre do ano. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, xunto coa directora da entidade, Ángeles Tilve fixeron onte a presentación. A proposta preséntase en oito claves: situar o Museo no centro da Bienal; achegar Castelao sociedade no seu ano; investigar e divulgar o máis próximo; dialogar con novas visións da arte; afianzar as colaboracións con institucións; participar nos debates contemporáneos; transferir o coñecemento á cidadanía; acoller todos os públicos

A exposición "Pinturas negras", a primeira en abrir as súas portas o próximo 21 de febreiro, é un proxecto compartido coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, con quen o Museo mantén unha colaboración permanente. Tamén se van desenvolver proxectos este ano con entidades como o ICOM, o Consello Internacional de Museos; co CSIC nas xornadas internacionais de estudos transatlánticos "Hacedoras de cultura", que este ano acollerá o Museo; coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e, entre outras moitas, a Escola de Restauración. Na exposición da Polifónica, unha revisión dos seus cen anos de historia porase unha atención especial aos panos que pintou Castelao para as súas representacións. No outono abrirá a mostra sobre a fotografía en Pontevedra no século XIX, que porá o foco no valor patrimonial da imaxe fotográfica exhibindo imaxes ata agora inéditas. No último trimestre do ano abriranse dúas exposicións dedicadas a creadores cercanos: unha do pintor Leopoldo Varela, que fixo da cor o instrumento básico da súa pintura, e outra sobre a vida e obra do dramaturgo pontevedrés José Ruibal, que chegou a ser un dos representantes máis destacados do teatro de vangarda en España, con gran recoñecemento en Estados Unidos.

Afiánzase a continuidade de ‘Infiltracións’, a iniciativa posta en marcha en 2024 e que consiste no diálogo entre artistas contemporáneas coa colección do Museo. Este ano ofrecerá dous novos puntos de vista: o da pontevedresa Marta Pazos, unha figura de referencia nas artes escénicas contemporáneas, tanto en Galicia como en España; e o da asturiana residente en Nova York Ira Lombardía.

Debates e encontros
Máis aló das exposicións, en 2025 o Museo mantén a súa vontade de participar nos debates contemporáneos, con xornadas e seminarios que abordan temas de actualidade. É o caso do seminario "Mulleres, feminismos, canon", das xornadas “Hacedoras de cultura” e das Xornadas de Educación, que este ano recupera o Museo para abordar o papel dos museos e dos departamentos de educación dentro do tecido das comunidades culturais, na liña do tema ao que este ano se dedica o Día dos Museos. Unha xornada conmemorativa do centenario do nacemento do pintor José María de Labra, conferencias polo Día das Artes Galegas e o Día Europeo da Arte Rupestre e a 14ª edición do Encontro de Conservación e Restauración son outras das actividades de divulgación e debate previstas este ano, con máis datas pendentes que se irán confirmando ao longo do ano. Todo isto complétase cun amplo programa educativo e de acción cultural no que, un ano máis, haberá obradoiros e cursos para público infantil e público adulto, concertos, proxeccións e, entre outras moitas propostas, presentacións editoriais.