
"O Son do camiño acada agora a primeira posición e segue consolidándose como un dos principais eventos culturais do país" asegura o documento. O premio Nacional das Letras que lle outorgou o Ministerio de Cultura a Manuel Rivas polo conxunto da súa obra literaria, sitúa ao escritor en segunda posición. Culturgal, a feira das industrias culturais, tamén gaña protagonismo ao acadar un 4,7%. Un ano cargado de concertos fixo que Fillas de Cassandra subira agora ata o cuarto chanzo, cun 4,2% da mostra. Por cuarto ano consecutivo, As Tanxugueiras mantéñénse entre os máis citados. A Cidade da Cultura, os eventos culturais do Camiño de Santiago e os Premios Mestre Mateo do audiovisual galego aparecen nos primeiros postos da clasificación.
A clasificación por sectores
Por sectores, o avance do Barómetro da Cultura Galega tamén salienta o bo momento do sector musical, que foi o que máis resposta reuniu nesta edición (57,3%). Dunha banda polo protagonismo dos festivais, que suman un 28,2% do peso total no conxunto entre os que se atopan, o xa mencionado Son do Camiño (12,5%), e outros como o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira (2,5%), o Resurrection Fest (2,3% que duplica o 1,1% da pasada edición), o PortAmérica (1,6%), o Sinsal (1%), o Festival da Luz (1%), Revenidas (0,7%) ou o Festival de Pardiñas de Guitiriz (0,5%). Da outra pola mención individual de formacións e músicos como Fillas de Cassandra, As Tanxugueiras, Baiuca, Carlos Núñez, Sés, Guadi Galego, A Banda da Loba.... máis tamén polo papel das bandas de música e os seus certames.
O libro e a literatura ocupan o segundo lugar, co 24,9% das mencións. Os premiados en 2024 como Manuel Rivas ou Chus Pato, destacan canda nomes como Yolanda Castaño, Ledicia Costas, Pedro Feijoo ou Paula Carballeira. O Salón do Libro infantil e Xuvenil de Pontevedra (0,8%), a concesión dos Premios Follas Novas (0,3%) ou o labor editorial de Kalandraka (0,5%) figuran entre os citados.
En terceiro lugar sitúase o audiovisual co 22,7% do total de mencións máis salientables para o ano 2024. Os Premios Mestre Mateo, os Premios Feroz (entregados en Pontevedra) ou o Festival de Cans e filmes que xa apareceran en 2023 como as As Neves, de Sonia Méndez (1,4%), O Corno, de Jaione Camborda (1,3%), Matria, de Álvaro Gago (0,8%), ou As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen (0,6%) ou series como Rapa de Jorge Coira (0,8%), a coprodución galego portuguesa Lume (0,3%) ou os traballos de Bambú Producciones (0,5%). Tamén hai espazo para intérpretes que repiten na clasificación como Luis Zahera (2,1%) ou Luis Tosar (1,5%), xunto con nomes novos como Lucía Veiga (0,5%). Entre os espazos da TVG que se citan destaca de forma específica o Dígocho eu (0,6%).
As artes escénicas sitúanse en quinto lugar, por detrás das institucións da cultura, e acadan un 13,8% das mencións. Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, máis o seu espectáculo Somos criminais e punto final son os máis citados. A obra Iribarne (0,6%), o Centro Dramático Galego (2,1%), a Mostra de Teatro de Ribadavia (0,6%) máis as compañías Sarabela teatro (0.7%) ou Chévere (0.5%) destacan tamén na clasificación.
Clasificación por provincias
O Son do Camiño é o evento máis destacado na catro provincias, aínda con diferencias notorias entre eles (acada o 16,2% de Ourense e o 8,2% de Lugo. Nas provincias da Coruña e de Ourense Manuel Rivas acada a segunda posición, co 6,5% e o 9,8%, respectivamente, das mencións, mentres que en Lugo son As Tanxugueiras (8,2%) e o Culturgal en Pontevedra ( co 5,3%).
Outras categorías resaltan en maior medida na provincia na que teñen lugar ou coa que más se vencellan. No caso da Coruña destaca a mención da programación da Cidade da Cultura (3,8%), ou a Fundación de Marta Ortega Pérez (2,2%). No de Lugo resulta significativa a mención ao Festival de Pardiñas (3,1%). Desde Ourense cítanse de forma moi destacada as celebracións do Entroido (5,4%), o papel da compañía Sarabela Teatro (5,4%), a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense (4,3%) e o MiT Ribadavia (2,2%). En canto a Pontevedra, rexistran maiores porcentaxes que noutras provincias as mencións de Fillas de Casandra (5,3%), así como C. Tangana e Lagharteiras, por teren creado un himno para o Celta de Vigo (2,6%); ou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra na cidade do Lérez (2,3%).