Unha cultura que se restablece

O CCG presenta o Barómetro da Cultura Galega 2023

As empresas culturais asumiron boa parte dos incrementos do custo da vida durante o ano 2022, aínda que este non repercutiu nos prezos da maior parte dos produtos e servizos culturais, sinala o Barómetro da Cultura Galega 2023 feito público hoxe polo Consello da Cultura Galega. O estudo avalía a situación das entidades da cultura, tanto do ámbito público como do privado, durante 2022. No caso das empresas, un 47,1% incrementaron os seus ingresos, aínda que os resultados foron menores ao agardado. As entidades ás que mellor lles foi no ano pasado foron aos museos, ás de actividades relacionadas co "patrimonio, o audiovisual, a música e a educación cultural". Durante o 2022 o emprego foi polo xeral máis estable e as empresas sitúan a dixitalización, a publicidade e a comunicación dixital como principais investimentos a futuro.

Os xestores entrevistados suspenderon a actividade das diferentes administracións. "O Estado é a que leva a peor puntuación (3,42), seguido da Administración local (concellos e deputacións), que recibe un 4,41% e a Xunta é a que obtén mellor puntuación (4,67), se ben só aproban a súa xestión, as entidades de carácter público, as dedicadas ao audiovisual e as artes escénicas". Tamén os datos revelan un escaso aproveitamento dos fondos europeos Next Generation, con só un 12,1% das entidades recibindo axudas deste programa. En relación ao Xacobeo e o seu impacto no estudo cultural, "a maioría asegura que non produciu ningún impacto na súa entidade, pero un 76,1% manifesta que tivo unha repercusión positiva no conxunto da cultura galega".