O Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega adiantou algúns dos resultados da quinta entrega do Barómetro da Cultura Galega. En concreto, preguntou ás persoas responsables de entidades culturais en Galicia polos "principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2022". Os resultados son unha "explotación parcial das primeiras 895 respostas obtidas" e foi realizado entre o 10 de xaneiro e o 7 de febreiro de 2023. Deste xeito, a programación cultural do Xacobeo (22,3%), as Tanxugueiras no Benidorm Fest (21,1%) e os concertos do Son do Camiño (10,4%) son as repostas máis mencionadas, seguidas do filme As bestas (5,6%), a "visibilidade do audiovisual galego" (5,4%) e as "As festas e verbenas populares como transmisoras da cultura galega" (2,9%).