O Álbum de Galicia publica a biografía de Valentín Lamas Carvajal

O texto está a cargo de Afonso Vázquez-Monxardín

Valentín Lamas Carvajal
Valentín Lamas Carvajal
O xornalista Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906) é para Afonso Vázquez-Monxardín, "o cuarto pé do Rexurdimento". Un "xornalista de oficio que "actuou sobre a cultura galega do seu tempo e moi consciente do seu papel de promotor de ideas de restauración cultural no seo do pobo".

A entrada dá conta do papel de Lamas Carvajal no xornal El Heraldo Gallego, publicación sobranceira da prensa cultural da Restauración que marca o inicio dunha vida profesional dedicada á prensa. Conta tamén que 1875 foi un ano clave para o autor xa que "publica o seu primeiro libro de poesía, o primeiro en galego desde os Cantares gallegos de Rosalía, co título de Espiñas, follas e flores. Primeiro ramiño, obra que ten un inmediato éxito popular, e que leva un prólogo que é un verdadeiro alegato en favor da lingua e a poesía en galego, especialmente de Rosalía, pero tamén de Pintos, Camino, García Mosquera, Saco e Arce". Nese mesmo ano dá ao prelo Dez cartas escritas pr'os gallegos, un texto fundamental para coñecer a posición ideolóxica e desexos de futuro do autor naquel momento.

Afonso Vázquez-Monxardín tamén salienta a importante participación de Lamas Carvajal en O Tío Marcos d’a Portela, xornal que integrou a práctica totalidade da intelectualidade galega desde os Precursores ata os autores do Rexurdimento, así como as desavinzas con Murguía polas críticas que fixo sobre a obra Desde la reja. Cantos de un loco. O mesmo ano que pechan O Tío Marcos e El Heraldo Gallego, ambos os dous por problemas económicos, Lamas presenta Saudades gallegas, outra obra relevante da súa produción literaria.

Logo de facer un percorrido pola súa obra poética, Monxardín destaca a súa faceta narrativa, na que "concentrou as súas últimas contribucións ás letras". Descríbeas como narracións breves que publicou en diferentes formatos (como artigos de xornal, publicacións ou compendios). E, sobre todo, destaca o Catecismo do Labrego, "un dos libros máis editados, lidos, escoitados e recitados da nosa historia cultural que mesmo deu pé a imitacións posteriores noutras linguas", en palabras de Monxardín.