'O dragón de ouro' e IRIBARNE copan candidaturas nos Premios María Casares de Teatro

Un total de 17 espectáculos de 2024 competirán como finalistas na XXIXª edición dos galardóns

Un total de 17 espectáculos de 2024 competirán como finalistas na XXIXª edición dos galardóns
Imaxe dos finalistas xunto con Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e Miguel Diéguez, director territorial da Zona Noroeste da SGAE Foto: AAAG
Un total de 17 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXIX Premios de Teatro María Casares. O espectáculo 'O dragón de ouro', de Sarabela Teatro, acadou catorce finalistas seguíndolle 'Iribarne', de ButacaZero con doce finalistas. Estas dúas montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo xunto a 'Go Home!', montaxe de Etiqueta Negra que é finalista unicamente nesta categoría. Así se deu a coñecer onte en Santiago durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia, un acto conducido pola actriz Sheyla Fariña.

Mellor espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria, actor secundario por partida dupla, actor protagonista, adaptación-tradución, iluminación, espazo sonoro, espazo escénico, vestiario e maquillaxe, son as categorías ás que chega 'O dragón de Ouro'. Pola súa banda, 'Iribarne' aspira aínda a premio en espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista por partida dupla, actor protagonista por partida dupla, texto orixinal, iluminación, espazo escénico, espazo sonoro e vestiario.

Dúas obras aspiran a catro Premios María Casares: 'Os actos e as profecías', do Centro Dramático Galego, e 'As gardiás ou o nó do tecelán', de Teatro de Ningures. A primeira delas opta aos galardóns de dirección, espazo escénico, vestiario e maquillaxe. Pola súa banda, a obra coa que regresou aos escenarios Teatro de Ningures é finalista nas categorías de dirección, adaptación-tradución e actriz secundaria por partida dupla.

As cinco seguintes montaxes aspiran a dous premios cada unha: 'Monstros', de Producións Teatráis Excéntricas; 'Eu, Fraude!', de Paula Pier; 'O mundo está roto pero pódese camiñar', de Contraproducións, e 'Pum! Pum! Quen hai?', de Ártika Cía e 'Non pasarán', tamén de Ártika.

Cunha soa candidatura finalista completabn a lista 'Nada se sabe', coprodución de Culturactiva co Centro Dramático Galego; 'Apaga o Candil', de Contraproducións; 'Sobre o extravío ou a arte de perderse', de Furia Sotelo e 'Rogelio III (La fête)', de Assircópatas. Por último, tres obras son finalistas no apartado de espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas: 'Os contos do Lobicán', de Redrum Teatro; 'Moby Dick', de Pedras de Cartón, e 'Gaia Baba, a meiga', de Nauta Teatro.

Estes 17 espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 3 de abril.