'IRIBARNE' acada cinco candidaturas nos 28 Premios MAX

A presenza da produción escénica galega do 2024 vese reducida a tres montaxes máis

Cartel do espectáculo 'IRIBARNE'
Cartel do espectáculo 'IRIBARNE'
Dos 179 espectáculos seleccionados entre os 486 inscritos como posibles candidatos a algunha das vinte categorías dos XXVIIIº Premios MAX das Artes Escénicas da Fundación SGAE só tres deles son de produción totalmente galega: 'Os actos e as profecías', do Centro Dramático Galego, 'Go Home', de Etiqueta Negra e a produción de danza Anöa de Elvi Balboa. A eles hai que engadir a importante presenza da co-produción IRIBARNE de Butaca Zero, Centro Dramático Nacional e MIT Ribadavia, que acumula ata cinco candidaturas. A presenza galega complétase grazas ao traballo actoral de Antonio Durán 'Morris' en '1936', do CDN, que opta a Mellor Actor. A pouca presenza da nosa produción do 2024 contrasta coa mesma fase destes galardóns o pasado ano, cando ata unha ducia de espectáculos galegos foran seleccionados para algún dos premios, aínda que finalmente non se acadou ningún.

No caso da montaxe 'IRIBARNE', arestora ten opción nas categorías de Mellor Espectáculo de Teatro; Mellor Autoría teatral para Esther F. Carrodeguas; Mellor Dirección de Escena, para Xavier Castiñeira; Mellor deseño de espazo escénico e videoescena, para Castiñeira e Diego Valeiras e de Mellor Vestiario para este último. A que foi a produción destacada do centro Dramático Galego o pasado ano polo seu corenta aniversario, 'Os actos e as profecías', acada dúas candidaturas, unha para Tamara canosa na categoría de Mellor Dirección de Escena, e outra para Iván Núñez e José Faro, polo Deseño de Iluminación. No relativo á danza Elvi Balboa aspira ao galar´don a Mellor Coreografía por Anöa, un espectáculo en coprodución co Centro Coreográfico Galego, que dá tamén a opción a Marina Capel como Mellor Intérprete feminina de danza. A interpretación de Josito Porto en 'Go Home' completa as opcións da nosa escena, na categoría de Mellor Actor. Tras desta fase haberá unha na que quedarán xa os finalistas e tras diso haberá que agardar ata o 16 de xuño para coñecer os gañadores nunha gala a celebrar noTeatro Gayarre de Pamplona.