ICOMOS advirte de que a mina de Touro pode afectar ao valor do Camiño de Santiago

Emite un comunicado recomendando unha "avaliación de impacto patrimonial independente"

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:
A mina de Touro. Foto: Atalaya Mining

A mina de Touro. Foto: Atalaya Mining

A posta en marcha da proxectada mina de cobre en Touro e Melide podería afectar á declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade. Así o advirte ICOMOS, a organización non gubernamental que asesora á UNESCO na avaliación dos bens patrimoniais con declaracións do organismo internacional como Patrimonio da Humanidade. A entidade emitiu un comunicado no que advirte que no proxecto da empresa mineira Cobre San Rafael para a extracción de cobre en Touro e Melide hai "ademais do proceso de explotación proxectado, unha serie de elementos arquitectónicos e instalacións que terán sen dúbida un forte impacto na paisaxe que define a ruta xacobea e que polo tanto afectan ao ben de Valor Universal Excepcional". Este "Valor Universal Excepcional" é o concepto clave para a declaración dun ben como Patrimonio da Humanidade. Para subsanar ese problema, Icomos reclama ás autoridades responsables -neste caso a Xunta de Galicia- que "acometan unha Avaliación de Impacto Patrimonial independente que analice profundamente os impactos, sobre todo desde o punto de vista visual e da súa apreciacón; que estude alternativas; que propoña medidas de mitigración e que conte coa participación das comunidades locais". ICOMOS ofrece o seu asesoramento neste proceso. O proxecto da mina de cobre de Touro e Melide está a espertar unha forte contestación por parte de diferentes colectivos de veciños da zona.

Que che parece esta nova?
71 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Patrimonio da Humanidade, Melide, Camiño de Santiago, Paisaxe...