A Ribeira Sacra "non debería ser inscrita na Lista do Patrimonio Mundial" para o ICOMOS

O informe da entidade consultiva da UNESCO desmonta a maior parte dos argumentos propostos para o recoñecemento

Presa do Encoro de Belesar. Fotografía de Adrián Estévez (Estevoaei). Fonte: Wikimedia Commons
Presa do Encoro de Belesar. Fotografía de Adrián Estévez (Estevoaei). Fonte: Wikimedia Commons
Despoboamento, modificacións da paisaxe, reforestacións, pegada de especies invasoras, impacto de encoros, eólicos e liñas eléctricas, presión turística ou lumes forestais son só algúns dos problemas máis rechamantes que o ICOMOS, organismo consultivo da UNESCO a nivel patrimonial, detecta na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Mais, por riba destas pegadas puntuais, o informe da entidade sobre a proposta galega salienta que a mesma non cumpre os criterios de elixibilidade establecidos polo organismo internacional para esta distinción e sinala que a mesma "non debería ser inscrita na Lista do Patrimonio Mundial".


O informe que a entidade elaborou para a reunión do Comité que outorga estas distincións levou a que Goberno Central e Xunta acordasen un "aprazamento estratéxico" da candidatura galega con vistas a modificar o dosier presentado e " corrixir aquelas indicacións que sexan corrixibles".

O texto do ICOMOS, que fixo público Nós Diario está dispoñible no web da UNESCO, destaca que, para alén de impactos puntuais no espazo, a análise comparativa con outros espazos culturais "non xustifica a consideración" da proposta para o recoñecemento, ao non se revelar como especialmente singular. A comparación, segundo explican as conclusións do informe "confirma en moitos xeitos as calidades da Ribeira Sacra" mais ao tempo "deixa aberta a cuestión fundamental" de se a candidatura "pode ser considerada sobresaínte pola súa combinación de características paisaxísticas ou a súa relación coa historia do monacato occidental", xa que o vencello entre esta actividade e o uso da terra "pode verse en grandes partes de paisaxes europeas". Do mesmo xeito cuestiona a singularidade das estruturas monásticas conservadas en relación a outros elementos similares existentes.

O organismo tamén sinala que "ningún dos criterios culturais" esixidos "foron demostrados" pola documentación achegada desde o Estado Español, e mesmo asegura que "as condicións de integridade e autenticidade" do conxunto presentado "non foron atopadas, e as condicións de integridade de autenticidade dos compoñentes individuais só se localizaron parcialmente". As importantes modificacións da zona, coa transformación dos mosteiros para uso turístico ou como adegas, e, sobre todo, o impacto dos encoros levaron a que "a aparencia, xeomorfoloxía, ecosistemas e posiblemente mesmo o clima da paisaxe histórica e cultural foron alterados de xeito irreversible", e que se ben moitos elementos manteñen as súas características de xeito individual, as modificacións "comprometen a autenticidade da paisaxe sagrada monástica como conxunto". Na mesma liña apunta a alteración dos usos tradicionais da terra e a ruptura do carácter relixioso da zona polo abandono de mosteiros que derivou da desamortización. Deste xeito, o texto recoñece que "as características específicas que transmiten o valor da propiedade foron ben identificados" aínda que "non se pode dicir que demostre excepcionalidade neste momento" a nivel de conxunto.

Como punto positivo, o informe apunta que as medidas de protección legal, así como as de conservación e monitorización da zona, son axeitadas, aínda que salienta que estas se poden incrementar para garantir a continuidade do uso tradicional da terra e das prácticas culturais na área. Tamén apunta que "o estado de conservación é satisfactorio" nos bens propostos pola candidatura.

As conclusións do informe apuntan tamén que "semella haber unha tensión inherente entre a preservación do carácter sacro do territorio e o acomodamento das necesidades contemporáneas das comunidades e da infraestrutura moderna". Así, o ICOMOS "non está convencido de que as dúas poidan ser reconciliadas do xeito suxerido" e cuestiona que "as presas e outras intervencións similares" sexan consideradas "como un desenvolvemento lóxico da paisaxe tradicional" nin que "esas intervencións poidan verse como complementarias" do patrimonio conservado das comunidades monásticas, tal e como apunta o dosier da candidatura.