Tres galerías santiaguesas renovan a oferta expositiva

Lara Pintos en Dupla, Lúa Gándara e Sebas Anxo en Metro e Leo Wellmar en Luísa Pita ofrecen un percorrido variado de arte contemporánea

Obra de Lara Pintos na exposición 'Lo que cabe en una almendra', Galería DUPLA
Obra de Lara Pintos na exposición 'Lo que cabe en una almendra', Galería DUPLA
Nunha xornada de inauguracións simultáneas tres galerías santiaguesas de arte contemporánea abriron o pasado venres as súas exposicións amosando obras de tres artistas galegas e unha sueca. A coincidencia provocou un deambular dos moitos afeccionados á arte na capital galega que percorreron as galerías METRO, Dupla e Luísa Pita para obter unha primeira impresión. A simultaneidade das aperturas dá aire fresco á oferta de arte contemporánea na cidade.

Dentro da améndoa
Na Galería Dupla a proposta, titulada 'Lo que cabe en una almendra', presenta obras da artista coruñesa Lara Pintos, de traxectoria consolidada. Se ben este espazo adoita ofrecer combinacións entre artistas neste caso pretendeuse ofrecer unha combinación entre a artista e propia cidade. Pintos amosa unha visión moi persoal da cidade vella de Santiago de Compostela presentado diferentes lugares reais do casco histórico que evocan as propias vivencias da artista. Espazos exteriores de tránsito, conviven con interiores cargados de atmosferas cálidas nas que crea unha conexión de intimidade entre os propios espazos e a mirada, sen máis elementos que rompan ese contacto.

Dous artistas son os que presenta a Galería METRO na súa nova proposta 'Sugus de frambuesa en el paladar'. Lúa Gándara e Sebas Anxo presentan a súas obras usando ambos a cor como vehículo para desatar emocións, espertar vivencias e abrir portas a novos estados de percepción que poidan levarnos nunha viaxe polos sentidos que pode chegar ao máis profundo. Gándara usa da mancha de cor como terreo da abstracción nun xogo de equilibrios meditado. Mentres, Sebas Anxo traballa a modo de alquimista da colaxe, creando escenas surrealistas habitadas por personaxes extravagantes en espazos que parecen emerxer dos soños.

Pola súa banda a Galería Luísa Pinta ofrece unha exposición monográfica da artista sueca afincada en Barcelona Leo Wellmar, cuxas obras xa pasaron antes por este espazo. Wellmar propón paisaxes que buscan ralentizar as presas actuais, cambiar a noción do tempo, que nestas obras conxélase pacificamente ata a relaxación.