Unha ollada nova ás vellas pedras de Monterrei

Preséntase unha publicación cos resultados das intervencións arqueolóxicas neste concello ourensán

Cuberta do libro
Cuberta do libro
A área de Monterrei e Verín é un dos núcleos máis activos desde a investigación arqueolóxica na provincia ourensá, e sobrancean as numerosas intervencións e investigacións levadas a cabo nos últimos anos por diferentes profesionais e investigadores no concello de Monterrei, pero non é habitual a publicación de libros conxuntos que recollan as novidades de equipos científicos e empresas distintas. Recentemente foi presentada a publicación Arqueoloxía, Prehistoria e Historia nas terras de Monterrei, Ourense, editada pola Universidade de Vigo, baixo a coordinación dos arqueólogos Martiño X. Vázquez Mato e Adolfo Fernández, recolle as achegas dos traballos de diferentes grupos de investigación entre 2013 e 2022. O volume presenta informes de intervención e análises ao redor do patrimonio recentemente escavado na comarca, ou novas achegas á súa comprensión histórica. Deste xeito, Martiño X. Vázquez Mato realiza unha comparativa entre os dous castros máis coñecidos do concello de Cualedro, A Cidá de Saceda e A Cidá de San Millao. A investigadora da Universidade de Vigo Patricia Valle presenta canda outros compañeiros a hipótese que interpreta o Muro de Búbal (Monterrei e Oímbra) como un recinto de reunión colectiva presente nas fontes clásicas como Forum Bibalorum. Eduardo Breogán Nieto estuda a pegada romana no casco histórico de Verín e Nieves Amado presenta os resultados do seu estudo sobre a terra altomedieval de Baronceli e a ocupación medieval do alto Val do Támega. Víctor Rodríguez Muñiz amosa os resultados da intervención no castelo de Lobarzán e de novo Patricia Valle dá conta dos traballos na necrópole medieval de san Salvador das Rozas (Medeiros, Monterrei).