Ibuprofeno Teatro presenta 'Reconversión'

A montaxe recupera a memoria dunha xeración de traballadores afectada polos peches dos estaleiros

Santiago Cortegoso dirixe, escribe e interpreta 'Reconversión', a nova montaxe de Ibuprofeno Teatro que terá a súa estrea este venres ás 20:30 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña , onde tamén estará o sábado. 'Reconversión' preséntase coma un espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores-músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo. Entre o íntimo e o político, o proxecto é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo. A obra ten moito de autobiográfico ao centrarse na peripecia vital do propio pai do autor, un home que traballou no estaleiro Ascón durante 30 anos. Esta figura sintetiza as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos anos 70 e 80. A viaxe histórica de 'Reconversión' lévanos desde a posguerra ata o 'Felipismo' dos 80, pasando polo auxe da industria siderúrxica e a evolución desde un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista. O elenco artístico está conformado por Artur Abad; Cristina Collazo; Santiago Cortegoso; César Goldi; Celia González; Davide González; Fran Lareu; e Nani Matos. A dirección musical corre a cargo de Alonso Caxade. O sábado, día 15 estará en Moaña e a seguinte fin de semana pasará por Carballo e Vilagarcía.