Galicia mantén posicións no Observatorio da Cultura estatal

A Cidade da Cultura segue a ser o máis destacado e entran outras propostas como a Fundación MOP ou o Hematofesti

A Cidade da Cultura segue a ser o máis destacado e entran outras propostas como a Fundación MOP ou o Hematofesti
Imaxe de "Unha vida viquinga", na Cidade da Cultura de Galicia Foto: Xunta
O informe do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España, ven de sacar as súas conclusións e listaxes respecto ao pasado ano 2024. Máis aló das mencións individuais de eventos ou programacións, que fan sacar peito a nivel local, o documento deixa unha instantánea da relevancia e proxección de toda a comunidade así como dos seus cambios en canto ao deseño dos propios contidos máis destacados. No relativo á comparación co resto das comunidades autónomas, Galicia mantén unha estabilidade repetindo un ano máis no sexto posto da lista. Como 'Insignia cultural de Galicia', o nome dado ao máis valorado cada ano, a Cidade da Cultura tamén repite para os expertos consultados. Grazas á mostra 'Galiverso, Habitats' a Cidade da Cultura de Galicia entra tamén na listaxe do mellor da cultura dixital, no posto 41 de 51 propostas. Pola contra, nas listaxe de 'Imprescindibles' estatais nas diferentes disciplinas non hai presenza galega, concentrándose os destaques en Madrid ou Barcelona.

Na valoración por cidades a nivel estatal hai poucos cambios respecto ao ano anterior e así, entre as 41 cidades que entran na lista, A Coruña é a mellor valorada de Galicia, manténdose no posto 11. Tamén repite posición Santiago de Compostela, no 14. Pecha o listado Vigo, baixando ao 41 desde posto 36 que ocupaba o pasado ano. Ata 21 nomes leva o considerado "O mellor da cultura en 2024" dentro da propia comunidade galega, case a metade dos eventos ten lugar na capital galega, seguida da cidade herculina. Coa Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela como cabeza de lista grazas á exposición 'Unha vida viquinga', séguelle o Festival Sinsal e o CGAC; igualados en valoración na cuarta posición figuran o FIOT de Carballo, Escenas do Cambio (sube 4 respecto a 2023) e entra The MOP Foundation por vez primeira no informe. Outros nomes deste listado galego son The MOP Foundation, o encontro Cultura e Cidadanía celebrado en Santiago e Hospitalitas, a exposición de Las Edades del Hombre en Santiago e Villafranca del Bierzo, representan a Galicia no ranking nacional.

Cultura no rural e patrimonio
Entre as mellores propostas novas do pasado ano entra o 'Hematofesti. Festival de humor e literatura infantil', creado e celebrado en Vigo en homenaxe ao desaparecido Hematocrítico. Tamén, na parte dedicada á cultura no rural son varias as propostas galegas que conseguen entrar, tanto na lista dos 24 proxectos máis valorados como na de outros destacados. Encabeza a valoración estatal o espazo de residencias de creación e formación A Casa Vella, en Amiadoso (Ourense). Entre os máis valorados están tamén o Festival Agrocuir da Ulloa e o Festival dos Eidos, no Folgoso do Courel. O ciclo Cultura no Camiño, o Festival de Cans e a Foliada de Fonsagrada aparecen na lista de outros eventos por destacar. Tres son os proxectos galegos que destacan dentro do listado daqueles con "exemplaridade" polo seu compromiso social: O Festival Sinsal, o Encontro Cultura e Cidadanía e o Festal de la Luz, en Boimorto. O informe do Observatorio da Cultura inclúe tamén as valoracións por comunidades de bens do patrimonio cultura, histórico e natural. No caso de Galicia os cinco sinalados polos expertos foron a Catedral de Santiago; Ribeira Sacra; Camiño de Santiago; Muralla de Lugo e Torre de Hércules. Os programa ZizgZag (TVG) e Diario Cultural (RG) aparecen tamén mencionados entre os medios culturais.