Xoan Anllo legou 174 pezas da súa colección ao Museo Provincial de Lugo

O conxunto acadou en 2016 unha valoración de 160.000 euros

| Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:
Foto: Museo provincial de Lugo

Foto: Museo provincial de Lugo

O Museo Provincial de Lugo vén de recibir unha importante doazón por legado testamentario do coleccionista Xoán Anllo Vázquez (Cospeito, 1936-Madrid,2023). Anllo, que xa en 2015 doara en vida ao Museo a colección de arte africana, completou o seu mecenado cunha nova achega conformada por 174 pezas entre as que hai cadros e obras enmarcados e pezas escultóricas e tridimensionais, así como carpetas de gravados, selos e pezas textís. O conxunto, valorado en 160.000 euros en 2016, inclúe obras de arte contemporánea europea e pezas decorativas procedentes na súa maioría de Asia, e de África ou América Entre as primeiras, destacan obras de Joan Miró, Antoni Tapies ou Susana Solano e dos galegos Jorge Castillo e Antón Lamazares.

O persoal do Museo Provincial realizará nas vindeiras semanas tarefas de inventariado, restauración e catalogación das pezas recibidas, que amplían e diversifican os fondos do museo, nomeadamente no capítulo de arte gráfica europea contemporánea. A deputada de Cultura Iria Castro e a directora do Museo Aurelia Balseiro destacaron a xenerosidade do coleccionista chairego co Museo Provincial e avanzaron que no último trimestre do ano organizarase unha exposición homenaxe sobre coleccionismo na que se exporán parte das pezas doadas.

Que che parece esta nova?
75 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Museo Provincial de Lugo, Antón Lamazares, Jorge Castillo, Asia...