A xenerosidade e o altruísmo teñen unha exposición no Museo de Belas Artes

A mostra "Doazóns. 2015 - 2023" presenta 100 obras doadas por 16 particulares ao patrimonio do museo

Cadro da mostra. AT-II de Roberto González Fernández
Cadro da mostra. AT-II de Roberto González Fernández
A mostra que hoxe inaugurou o Museo de Belas Artes da Coruña expón desde hoxe unha nova mostra que reúne 100 obras de artistas galegos, a maioría do século XX (excepto dúas obras do século XVII) que teñen en común a súa condición de ser obras chegadas á institución como un acto de xenerosidade de cidadáns particulares. A exposición "Doazóns. 2015 - 2023" amosa as importantes doazóns de iniciativa particular que tiveron lugar nos últimos 8 anos entre pinturas, debuxos, gravados, escultura e artes decorativas e trata de resaltar a xenerosidade dos 16 doantes que as aportaron á colección do Museo. Cabe destacar dentro do conxunto, a doazón realizada por dona Elvira Álvarez cun total de 70 pezas, a maior achega á colección nos últimos anos. Tamén destaca a doazón do pintor Roberto González Fernández cunha serie de 6 lenzos da súa autoría.

A exposición organízase por orde cronolóxica das doazóns realizadas desde o ano 2015 ata o 2023. Cada doante está representado xunto coas obras que conformaron a súa doazón, agrupándose estas por autores cando é o caso. Entre os artistas representados cabe destacar a autores como Joaquín Vaamonde, Sotomayor, Manuel Abelenda, Lago Rivera, Laxeiro, Antonio Tenreiro, Sucasas, Úbeda, Lodeiro, Lugrís Vadillo, Roberto González, Xaime Quessada, Lloréns, etc. Así mesmo incorpóranse á colección do museo obras de mulleres artistas, destacando a ampla representación de obras da pintora Elena Gago, ademais de obras doutras artistas como María del Carmen Corredoira ou Blanca López.

A mostra, aberta ata o vindeiro 30 de setembro, pódese entender coma unha continuación ou ampliación da pequena exposición inaugurada no pasado 2 de maio de 2024, titulada a Doazón Tomás Barros ao Museo de Belas Artes, froito da doazón de Araceli e Tomás Barros Cao. Ambas, aínda que independentes no seu formato, teñen unha conexión conceptual entre si, permitindo evidenciar e poñer en valor a sensibilidade e compromiso social dos propietarios quen, nun xesto de xenerosidade e altruísmo non so impulsan as coleccións do Museo de Belas Artes da Coruña senón tamén permiten o enriquecemento do Patrimonio Artístico de Galicia.