A Rede Cultural da Deputación da Coruña mantén o seu orzamento

O circuíto, dotado con 1.975.000 euros, ten aberto o prazo de inscrición de espectáculos

Ata o vindeiro 6 de febreiro está aberto o prazo para que artistas e grupos se inscriban na edición 2025 da Rede Cultural da Deputación da Coruña. O programa, que apoia o desenvolvemento de actividades en concellos de toda a provincia, conta na súa nova xeira cun orzamento de 1.975.000 euros, a mesma cifra que en 2024.

O programa prevé que a entidade provincial cofinancie entre un 30 e un 75 por cento dos espectáculos, a depender do número de habitantes de cada municipio. A proposta mantén os seus catro programas habituais. Deste xeito, ¡Escena ao vivo! acollerá espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música mentres Visións céntrase en contidos de cinema e audiovisuais.

Á súa vez, Lingua a Escena! dá cabida a espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega e Alicerce está orientado a espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais. Neste último caso, ademais dos concellos, poderán contratar propostas artísticas non profesionais as entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.

En 2024 a Rede Cultural programou 1.182 espectáculos, que chegaron a 91 localidades do territorio. Unha vez finalizada a inscrición de espectáculos, os concellos poderán solicitalos entre o 18 de marzo e o 1 de abril e poderán programalos ata o 31 de marzo de 2026.