Catro monumentos recibirán case 5 millóns do 2 por cento cultural estatal

A torre do Reloxo en Santiago e o arquivo da catedral de Tui son os investimentos máis importantes

Detalle da torre do reloxo. Foto: Tino Viz (Margen fotografía)
Detalle da torre do reloxo. Foto: Tino Viz (Margen fotografía)
O Goberno de España investirá no 2025 en Galicia 4,91 millóns de euros dentro do convenio entre o Ministerio de Transportes e Movilidade Sostible e o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, no marco do Programa 2% Cultural. As adxudicacións son aínda provisionais xa que o financiamento compártese con outras entidades públicas e está condicionado ao cumprimento do resto financiamento e a aprobación dos plans de execución. De entre os 93 monumentos escollido como beneficiarios do programa hai catro en Galicia. A restauración da torre do Reloxo da Catedral de Santiago de Compostela, cun orzamento de 1.841.817 euros para cubrir o 50% dos custes previstos é unha delas.

En contía, das intervencións previstas en Galicia a máis importante, con todo, sería a actuación no conxunto catedralicio de Tui, que se dirixiría ao arquivo histórico catedralicio e diocesano. Para esta intervención o Goberno destina 2.235.134 euros, o que cubriría ata o 73% dos custes. O parque e xardín botánico e carballeira de Caldas de Reis tamén está incluído na lista seleccionada desde os ministerios, que dedicarán 569.562 euros á súa restauración. Pecha a lista galega o Torreón dos Andrade en Pontedeume. O goberno destina 273.386,75 euros para cubrir ata a metade do custe das obras necesarias para a restauración da súa cuberta e a rehabilitación integral do monumento.